publicidade hoxe

O Festival Noroeste presenta unha edición de cinco días con máis de 30 bandas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+
Presentación do Festival Noroeste

Presentación do Festival Noroeste

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado do concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou na mañá deste mércores o programa completo do Festival Noroeste, que este ano medra de forma considerable, ao pasar de dous a cinco días, ampliar de un a catro o número de escenarios e aumentar ata 31 o número de bandas, 17 de elas locais. Trátase, como subliñou o alcalde, dun Noroeste renovado e ampliado respecto ao formato tradicional, que “forma parte das vidas de todos os coruñés ou coruñesas, do noso imaxinario colectivo, desde hai moitos anos. Todos temos recordos da praia de Riazor, eu lembro especialmente o concerto de The Cure”, destacou Ferreiro, que pensa que chegou a hora de darlle un novo pulo ao festival.

“A nosa intención é que se poida converter nun festival urbano de referencia en todo o Estado. Este ano poñemos a primeira pedra para darlle aínda máis importancia ao Noroeste”, sinalou Ferreiro, quen salientou a calidade da proposta, que leva á praia de Riazor a Sidonie e Los Planetas (día 6 de agosto) e a León Benavente e Mando Diao (7 de agosto), e outras 27 bandas os tres días anteriores. “É unha mostra de que as cousas, cando se fan con imaxinación, paixón e coñecemento, como neste caso, pódense facer ben”, salientou Ferreiro, que incidiu tamén no aforro que supón a presente edición. Do mesmo xeito, o concelleiro de Culturas insistiu na redución de custos deste ano, “unha das liñas mestras do Goberno local”, ao pasarse dos 250.000 euros en contratación de artistas da anterior edición aos 183.000, cifra moi semellante ao que custou o cabeza de cartel no 2014.

O Festival Noroeste amplía a súa duración de 2 a 5 días coa posta e marcha do Noroeste Expandido, que se desenvolverá entre o luns 3 de agosto e o mércores 5 de agosto en 3 escearios dentro da cidade: a praza das Bárbaras e a praza de San Nicolás, con catro directos diarios cada un, e o Castelo de San Antón, cun concerto diario. En total, o Noroeste Expandido contará coa participación de 27 bandas, entre as que se atopan nomes tan relevantes como La Habitación Roja, La Bien Querida, Pablo Und Destruktion, Guadi Galego, Mäbu, Ariel Rot, El Meister ou Coque Malla, que compartirán espazo coas 17 bandas locais participantes e varias bandas de ámbito galego.

Nestes escenarios os directos desenvolveranse de forma intercalada entre as 19.00 e as 23.00 horas, como xa sucede en eventos da mesma índole, como o Mercat de Vic ou o Primavera Sound, introducindo o festival dentro da propia cidade para programar dentro dela e non nas súas marxes, facilitando unha programación escalada que fomente a circulación de público entre escenarios.

Ademais desta nova aposta do Noroeste Expandido, mantéñense as dúas datas no areal de Riazor o xoves 6 de agosto, coas actuacións de Sidonie e Los Planetas, e o venres 7 de agosto, cos directos de León Benavente e Mando Diao.

Unha programación cohesionada e participativa

A deste ano é unha programación coherente e cohesionada que contou por primeira vez coa colaboración e o apoio dos programadores habituais da cidade –as cinco salas membro da Asociación de Salas de Música en Directo de Galicia Clubturae que aposta pola creación dunha imaxe de marca forte e atractiva a través dun cartel integrado.

O concelleiro de Culturas expresou tamén a súa satisfacción ante a alta participación de bandas locais na convocatoria 110 bandas presentadas, fronte as 48 de 2014, xa que, como queda claro no cartel, que conta con máis dun 50% de bandas locais, a intención do Goberno Local foi dende un principio integrar aos artistas coruñeses dentro do Festival Noroeste como parte activa do cartel e non como meros convidados de pedra.

“Lembremos que A Coruña é unha cidade de actividade cultural inxente, máis que avultada”, comentou, lembrou Sande, quen recordou a aposta do Goberno municipal pola creación local, que estará representada por bandas como Fogbound, Sensacional, The Kanaloas ou Say My Name.

A selección de bandas fíxose despois de analizar o material enviado polas mesmas por parte do equipo de avaliación, formado polos devanditos programadores e representantes municipais, e todos eles destacaron a alta calidade das propostas presentadas, que levan á Concellería a plantexarse novas propostas da mesma índole noutros escenarios á marxe do Festival Noroeste, que dean cabida ao moito talento e diversidade musical que demostra á cidade.

Web e App para non perder nada

A rolda de prensa serviu tamén para presentar a web do festival www.festivalnoroeste.com e a súa App, pensadas para facilitar o acceso a toda a información necesaria sobre o festival, con biografías das bandas, horarios, escenarios, mapas de situación dos mesmos e links ás redes sociais do Festival Noroeste –Facebook, Twitter e Instagramonde todo o que o desexe pode participar mediante o hashtag #recuperamosonorte. “Falamos constantemente de recuperar o norte na acción do Goberno municipal. Esa idea de fundir o sentido común no rigor, de recuperarmos o norte, é importante”, afirmou ao respecto o concelleiro de Culturas durante a presentación.

22 de xullo de 2015 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.