publicidade hoxe

O circuíto de karting de Soutelo de Montes dá resposta a unha demanda social de lecer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiPontevedra
A-
A+
Rafael Louzán na visita a Soutelo

Rafael Louzán na visita a Soutelo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e a alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, realizaron hoxe a supervisión final da obra de acceso ó circuíto de karting de Soutelo de Montes, que, segundo o presidente da Deputación, “quedou en estado óptimo”.

O traballo responde a unha demanda da alcaldesa a Rafael Louzán para que a institución provincial retomase os traballos para mellorar os accesos ó circuíto de karting de Soutelo. Encargouse para iso un estudo da actuación, e foi a propia Deputación a que a realizou, con medios do Parque de Maquinaria.

Trátase dunha actuación na estrada Soutelo de Montes-Covas, no ramal da Madalena, que sirve de acceso ó circuíto de karting da localidade e a varias vivendas da zona.

Os traballos, nos que se investiron 195.619 euros, leváronse a cabo polas dificultades de seguridade viaria existentes, xa que se trata dun tramo moi estreito que sufriu nos últimos tempos un notable aumento de tráfico.

A Deputación ensanchou o tramo, construíu muros de cachotería para a contención e o sostemento de terras e realizou obras de canalización de augas pluviais mediante cunetas de terra, formigón e diversos colectores.

Con esta intervención a Deputación completa anteriores traballos de construción do circuíto de karting e dun edificio de usos múltiples deportivos no propio circuíto (área de xuíces, cafetería, instalacións sanitarias e de ocio, oficinas…), nos que foron investidos máis de 1 millón de euros.

O circuíto de karting da Madalena dá resposta a unha crecente demanda de lecer na sociedade e representou un elemento revitalizador de Forcarei, das comarcas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes e outras de Ourense.

O proxecto inicial do circuíto foi adaptado ás normas e parámetros da FIA para homologalo e poder acoller competicións de carácter internacional ou nacional, acadando así unha maior relevancia e un mellor aproveitamento deste.

O circuíto forma parte do calendario do Campionato de Galicia de Karting; foi a sede dunha das probas da Challenge a Gas de Karting 2008, certame de ámbito nacional; e está autorizado para impartir cursos de “condución segura”, para a ensinanza das autoescolas e para competicións de diversa índole coma campionatos de karting, superbikes, gran turismo, fórmula 3000 e motociclismo.

2 de xullo de 2015 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.