publicidade hoxe

O Chanfaina ‘Lab participa na xuntanza da Academia Galega do Audiovisual para coordinar os festivais audiovisuais galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Preto de vinte responsables de festivais audiovisuais galegos reuníronse este martes en Santiago convocados pola Academia Galega do Audiovisual para falaren sobre como levar a cabo actuacións conxuntas e compartir recursos. Na xuntanza tamén houbo representación de San Sadurniño co Chanfaina Lab que, trala experiencia do ano pasado, volverá arrancar unha nova edición na primeira fin de semana de setembro.

O departamento de Cultura e os promotores da iniciativa, Manolo González e Carmen Suárez, están ultimando os detalles deste encontro audiovisual que aposta pola creatividade e a experimentación empregando como fío condutor o territorio e a xente de San Sadurniño. O programa e os nomes participantes nesta segunda edición coñeceranse, previsiblemente, a mediados de agosto. 

No entanto, mentres se prepara, o Chanfaina acaba de sumarse ao xermolo dunha coordinadora que pretende darlle maior visibilidade ás mostras e festivais audiovisuais que se desenvolven por toda Galicia. A primeira xuntanza tivo lugar en Santiago este martes coa participación dunha vintena de respresentantes das distintas entidades organizadoras. De San Sadurniño acudiu a concelleira de Cultura, Sabela Íñiguez, quen sinalou que a reunión “foi unha primeira toma de contacto na que expuxemos cuestións comúns e posibles vías de cooperación entre os festivais”. Para levar adiante as actuacións conxuntas acordouse poñer en marcha a propia coordinadora e falouse sobre a conveniencia de ter un calendario común, da necesidade de prestarse apoio técnico e xurídico e de que este novo foro se constitúa como unha única voz diante das administracións.

Segundo a nota de prensa enviada pola Academia Galega do Audiovisual -organización convocante da xuntanza- a nova coordinadora “servirá para que os distintos certames aproveiten sinerxias, compartan experiencias e se reforcen mutuamente”.

30 de xullo de 2015 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.