publicidade hoxe

O alcalde de Sober é elixido presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSober
A-
A+

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, foi designado esta tarde por unanimidade presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. O rexedor agradece o apoio dos 21 Concellos participantes na reunión, así como do Consello regulador da DO Ribeira Sacra e comprométese a facer un traballo serio e responsable para que o Consorcio siga sendo un dos organismos de referencia para a Ribeira Sacra e, sobre todo, para impulsar a candidatura ante a Unesco para que a zona sexa declarada Patrimonio da Humanidade.

“Como alcalde de Sober asumo un novo reto no que procurarei que os nosos Concellos estean á vangarda do turismo a nivel galego e nacional, ese será o meu compromiso irrenunciable, para o que comezamos a traballar desde esta mesma tarde”.

O novo presidente do Consorcio agradece o traballo do anterior equipo, nomeadamente do presidente saínte, Carlos Armesto, e da actual xerente, Alexandra Seara. O novo presidente comprometeuse ademais a estudar a proposta de que a sede se traslade a un lugar fixo, tal e como propuxo o rexedor de Monforte. Acordouse tamén remitir a todos os concellos e asociacións o material -elaborado polo equipo de técnicos seleccionados polo Valedor do Pobo e financiado polas Deputacións de Ourense e Lugo- sobre a candidatura a Patrimonio Mundial que se deu a coñecer o sábado en Esgos para que todos os interesados e interesadas poidan facer achegas e suxestións.

O Consorcio celebrará o seu primeiro pleno ordinario o martes 28 ás cinco da tarde en Monforte.

20 de xullo de 2015 | 21:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.