publicidade hoxe

O alcalde de Cerdedo visita as obras da nova ETAP valorada en 1,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedo
A-
A+
O alcalde de Cerdedo na visita ás obras

O alcalde de Cerdedo na visita ás obras

O Alcalde de Cerdedo no día de hoxe visitou as obras de construción da nova ETAP de Cerdedo valorada en case 1,2 millóns de euros. Estas obras recollen un novo abastecemento a través dunha captación por gravidade no Río Seixo, mediante un pozo do que partirá unha condución de case 4 km que chegará á nova estación de tratamento e potabilización de auga situada na mesma parcela onde se atopaba o antigo depósito de auga de Cerdedo, aínda que para garantir a subministración de auga a todas as vivendas de Cerdedo, este novo depósito sitúase na parte máis alta da parcela, aumentando de forma considerable a altura do depósito. Sitúase na zona de San  Pedro a escasos metros do núcleo en dirección ao polígono do Sangal. Esta captación realízase mediante un pozo filtrante, co obxectivo de minimizar as afeccións do LIC Serra do Cando. A condución será enterrada na súa maior parte baixo os camiños de concentración parcelaria que discorren en paralelo ao Rio Seixo. Para realizar tanto o pozo como as conducións realizaranse unhas actuacións previas como son a roza nos tramos de condución que discorre por leiras e monte comunal e o corte e demolición de pavimento no tramo de condución que discorre baixo a estrada provincial PO-7104.

Xunto á ETAP proxéctanse 2 depósitos circulares de 250 metros cúbicos de capacidade, entre os cal se instalará unha cámara de chaves que albergará ademais das válvulas de control os depósitos e os equipamentos de tratamento. Para toda esta infraestrutura será necesario efectuar a roza da parcela municipal afectada, un movemento de terras para realizar unha chaira e os accesos á mesma e logo realizaranse as correspondentes cimentacións e estruturas tanto dos depósitos como a caseta de chaves. Posteriormente construiranse os equipos de potabilización que son: planta potabilizadora co seu correspondente medidor de caudal, filtros, válvulas de purgación, e o equipo de cloración. O acceso ás instalacións estará limitado pola execución dun peche perimetral de malla. Os noiros e a chaira serán revegetados mediante especies arbustivas e frondosas. Con esta actuación preténdese mellorar e garantir a calidade da auga para todos os veciños de Cerdedo. A empresa adxudicataria é  OVISA.

Actualmente o núcleo de Cerdedo abastécese por gravidade da canle de derivación dun aproveitamento hidroeléctrico existente no Río Lerez. A auga está suxeita por tanto aos réximes das turbinas da central e a auga soa é tratada por unha única desinfección nun depósito de 400 metros cúbicos de capacidade sen acometida eléctrica. Con esta actuación resólvense todos estes problemas xa que levará a cabo un novo abastecemento mediante unha nova captación, neste caso no rio Seixo que se caracteriza pola excelente calidade das súas augas.

RESUMO DESGLOSE ORZAMENTO PARTIDAS MÁIS IMPORTANTES

CAPTACIÓN: preto de 15.000 €
CONDUCIÓNS: CASE 400.000 €
DEPÓSITOS-ETAP: case 400.000 €
Total: de licitación (ive incluído): 1.144.901,38 €

31 de xullo de 2015 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.