publicidade hoxe

O alcalde de Catoira asiste á primeira reunión do proxecto “Segue os viquingos” en Reino Unido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+
O alcalde de Catoira en Reino Unido

O alcalde de Catoira en Reino Unido

O alcalde de Catoira, Alberto García, asistiu a pasada fin de semana ó primeiro comité directivo de posta en marcha do programa “Segue os viquingos” (“Follow the Vikings”), que se celebrou en Lerwick (Illas Shetland).

Un total de 28 delegados dos 14 socios que colaboran no proxecto asistiron os días 10 e 11 de xullo ó encontro, que se centrou na planificación da xestión do proxecto e do orzamento, que ascende a 3,92 millóns de euros, dos cales a Unión Europea subvenciona a metade.  Nesta liña, sentáronse as bases de distribución financeira e as achegas de cada socio, que poderán efectuarse en especie. Así mesmo, traballaron na planificación dos tres seminarios do paquete “Presentados aos viquingos”, que se celebrarán en novembro de 2015 en Foteviken (Suecia), en maio de 2016 en Catoira e en novembro de 2016 en Trelleborg (Dinamarca).

En maio de 2016 Catoira acollerá un dos seminarios integrados no proxecto. Baixo o título “Presentando ós viquingos: unha perspectiva europea”, diversos expertos expoñerán e debaterán sobre distintos aspectos relacionados cos viquingos: a perspectiva histórica, o legado, a imaxe, as embarcacións, a relixión, etc. Tamén está prevista unha reunión do comité de dirección ó finalizar o seminario.

Catoira é o único municipio español socio da entidade Destination Viking Association (DVA), que xestiona este proxecto e o Itinerario cultural europeo viquingo. “Segue os viquingos” conta con 14 socios de 8 países (Reino Unido, Islandia, Irlanda, Suecia, Dinamarca, Finlandia e Noruega). Durante catro anos levaranse a cabo accións dirixidas a ensalzar o patrimonio viquingo por toda Europa e centrarase especialmente na creatividade e a cultura, así como no intercambio de coñecementos dos voluntarios a nivel local. Todo isto incrementará a visibilidade da ruta cultural viquinga do Consello de Europa, xestionada pola DVA, presidida por Jimmy Moncrieff.

16 de xullo de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.