publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Neira Vilas presentará en Santiago o seu novo libro “Semente galega en América”

Semente Galega en América

Semente Galega en América

Xosé Neira Vilas, un dos grandes autores vivos da literatura galega de todos os tempos, presenta este xoves ás 19:00 h no Salón Cimabue do Hotel Monumento San Francisco de Santiago a súa última obra, Semente galega en América, editada por Edicións Bolanda e ilustrada polo artista mindoniense Xosé Vizoso.

Na presentación o escritor estará acompañado do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o profesor e secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o editor da obra, Antonio Couto.

A nova obra do autor compila un centenar de referencias galegas –persoas, obras, acontecementos históricos etc.– que xogaron un papel esencial na configuración do continente americano, no que viviu 43 anos –primeiro en Bos Aires e despois en Cuba– antes de volver á súa Vila de Cruces natal, onde se localiza a Fundación que leva o seu nome e desde a que desenvolve un importante labor de dinamización cultural e lingüística.

A publicación, dispoñible xa nas librarías de Galicia, revela cen historias que deixan constancia da pegada galega no continente americano a través dos ollos dunha testemuña excepcional, un galego que tamén deixou a súa semente no novo continente e que ofrece novamente un dos froitos desa intensa vida adicada ás letras e a Galicia.

7 de xullo de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.