publicidade hoxe

Nava Castro presenta a oferta de actividades ‘Vive o castelo’ na fortaleza de Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonterreiOurense
A-
A+
Nava Castro na presentación do programa

Nava Castro na presentación do programa

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, sinalou hoxe o reforzamento do carácter público da fortaleza de Monterrei, logo da súa rehabilitación e co desenvolvemento do programa ‘Vive o castelo’ que hoxe presentou en Ourense, acompañada polo delegado provincial da Xunta, Rogelio Martínez.

Trátase dun conxunto de actividades lúdico- culturais que se desenvolverán desde o próximo día 23 de xullo ao obxecto de dinamizar a contorna do Castelo de Monterrei de xeito que, segundo manifestou Nava Castro, o propio edificio e os espectáculos programados amplíen a oferta turística deste territorio, “onde destaca o Camiño de Santiago, a oferta asociada ao turismo de saúde e o termalismo e mais os recursos etnográficos e culturais como o entroido” –engadiu a directora de Turismo de Galicia-.

Este programa –indicou Nava Castro- é posible tras o remate do proxecto de rehabilitación do conxunto arquitectónico, “que tiña como obxectivo prioritario a súa revitalización para usos culturais e turísticos”, xa que, remarcou “o noso compromiso radicou sempre en poñer en valor un dos bens culturais máis importantes de Galicia e garantir o seu uso público”.

Actividades

Na súa intervención durante a presentación da programación cultural e e lúdica que se desenvolverán este verán no recinto de Monterrei, a directora de Turismo de Galicia manifestou que ‘Vive o castelo’ componse de actividades para que toda a familia poida gozar desta acrópole, con variedade de propostas culturais, que segundo anunciou, “engloban desde o aspecto máis cultural, co coñecemento do propio castelo, ata o máis festivo con actuacións musicais, degustacións gastronómicas, circo e contacontos, entre outras”.

Dentro destas actividades, no ámbito da divulgación cultural, Nava Castro referiuse á mesa redonda que se celebrará o día 23 de xullo baixo o título ‘Monterrei ao longo dos séculos’ na que intervirán o doutor en Historia e profesor de Investigación do CSIC, Eduardo Pardo de Guevara, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño, Eligio Rivas, o cóengo arquiveiro da Catedral de Ourense, Miguel Ángel González García, e unha representante do estudo de arquitectura que levou a cabo a obra de rehabilitación do castelo.

Ademais, a directora de Turismo de Galicia, explicou o contido das nove visitas guiadas e teatralizadas que terán lugar cada xoves entre os días 23 de xullo e 20 de agosto, das que manifestou que daranlle á cidadanía a oportunidade de “visitar tanto o conxunto histórico como os espazos exteriores tal e como corresponde pola súa condicións de ben de interese cultural e público”.

Estas visitas estarán acompañadas doutras actividades como a actuación do trío ‘Talabarte’, formado por un violinista, un contrabaixo e un acordeonista; que ofrecerán un concerto onde presentarán os temas do seu próximo disco ‘Ao son da cociña: music and food experience” e os asistentes terán a oportunidade de degustar petiscos nunha mostra de cociña a cargo do chef Xián Herrera.

Nava Castro lembrou tamén a celebración da ‘Gala de circo no castelo’, na que participarán tres compañías, un presentador e unha banda de música ao vivo nun espectáculo para todos os públicos.

Luís Iglesias será o condutor desta gala na que participarán o ‘Mago Teto’, o ‘Circo Chosco’, a ‘Compañía dos sete magníficos’ máis un e un grupo de galopíns musicais coñecidos con nome de ‘Magnifique bande dos homes sen medo’.

No mes de agosto, as actividades –segundo explicou a directora de Turismo de Galicia- centraranse na música coas actuacións de Emilio Rúa, Uxía e Narf.

A programación tamén inclúe unha xornada máxica na que as persoas que visiten a fortaleza poderán descubrir os seus recantos a través dos contos e da música a través de ‘Castelo de contos’, que englobará as actuacións de ‘Os quisquilláns’ e ‘Daboapipa’, así como a do músico e actor Paco Nogueiras.

A programación de ‘Vive o castelo’ rematará con outra edición de ‘Música no castelo’, que nesta ocasión contará coas actuación de Guadi Galego e ‘Guezos’.

En definitiva, -rematou Nava Castro- con este programa preténdese o achegamento tanto da poboación local como dos visitantes a “esta magnífica acrópole”, e incrementar os fluxos turísticos cara á zona de Verín- Viana, que o ano pasado recibiu máis de 33.000 viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, cun incremento dos estranxeiros dun 24% en relación ao ano anterior.

16 de xullo de 2015 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.