publicidade hoxe

Montse Rivera leva a Salceda de Caselas “Cóntoche un traxe”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSalceda de Caselas
A-
A+

Dentro da programación do Verán Cultural, a Casa da Cultura Castelao acollerá a actividade de Montse Rivera “Cóntoche un traxe” o vindeiro xoves 9 a partires das 20:00 horas. A entrada é de balde ata completar aforo. Montse Rivera comezou a interesarse polo mundo da tradición hai 30 anos. Foron moitos os pobos de Galicia que visitou, moitas as persoas coas que falou e ás que lles preguntou por como se divertían cando eran mozos, que cantaban, que bailaban, a que xogaban e como era a roupa que levaban.

Despois de traballar moitos anos en grupos de renome moi preocupados pola recuperación e evolución do vestiario tradicional como Leilía, Brincadeira, Cantigas e Agarimos… nos que hai un grande interese en reproducir a maneira que tiñan de vestirse os nosos devanceiros, Montse propón nestes momentos unha actividade para reflexionarmos sobre como nos vestiamos antes e como nos vestimos agora. Unha maneira de intentar que non se perda esta parte de nós que cada día vai quedando máis esquecida e só relegada a aquelas agrupacións folclóricas que buscan manter vivos aqueles traxes que se usaban antano.

Dunha maneira dinámica e amena fai unha viaxe no tempo para ver como era o vestiario dos nosos tatara-tatara-avós. A narración vai acompañada de cantigas referidas ás pezas de roupa que os vestían, poemas de grandes da literatura galega nos que se alude a pezas do vestiario decimonónico e de proxeccións de imaxes de traxes tradicionais e materias cos que se fabricaban as teas; e tamén, o máis importante, manipúlanse estas pezas de roupa, e catro asistentes, dous voluntarios e dúas voluntarias, acabarán a charla vestidos como os seus tatara-tatara-avós.

O resto dos asistentes a esta charla, para que poidan levar un recordo da mesma, xa que non todos se van poder vestir, poderanse sacar unha foto nun fotocall dunha parella vestida óxeito tradicional.

Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “Creemos en actividades como esta para achegar as nosas tradicións aos pequenos, e para facerlles lembrar aos maiores. Montse Rivera fai un enorme traballo neste ámbito, e para Salceda é un orgullo acoller este tipo de iniciativas”.

7 de xullo de 2015 | 11:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.