publicidade hoxe

Miño aproba a adhesión ao fondo de cohesión para acceder a financiamento estatal para facer fronte á débeda do caso Fadesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMiño
A-
A+

A corporación de Miño aprobou esta mañá nun pleno extraordinario dotar no orzamento xeral do exercicio 2016 un Fondo de continxencia de execución orzamentaria por unha contía equivalente ao 1% dos seus gastos non financeiros. Devandito fondo ten o obxectivo de atender posibles obrigacións de pago derivadas de futuras sentenzas ou de necesidades imprevistas e inaprazables. Como anunciara o Goberno local, este trámite era necesario e indispensable para adherirse ao Fondo creado pola Lei Orgánica 6/2015, co fin de atender as obrigacións xeradas pola execución de sentenzas xudiciais firmes, a través do que o Concello obtería liquidez para facer fronte ao pago da débeda cos expropiados do caso Fadesa.

Ricardo Sánchez Oroza mostrouse crítico co PP pola súa xestión neste asunto ao longo dos últimos 15 anos desde o comezo do desenvolvemento urbanístico deste ámbito. «Entre as irregularidades que se poden citar está o proceso de expropiación que foi declarado nulo», sinalou. Tamén resaltou a teimosía dos gobernos do PP en recorrer «unha e outra vez» xerando un gasto superior aos 300.000 euros en costas. Na súa intervención tamén sinalou ao Goberno autonómico, ao que non eximiu de responsabilidade. «Non debemos deixar de lembrar a responsabilidade que lle corresponde á Xunta de Galicia en todo este esperpento», afirmou.

Así mesmo, o alcalde acusou ao PSOE de «falta de responsabilidade» como parte fundamental da oposición no seu momento, tanto por non facer unha fronte común co goberno municipal, como por non presentar unha denuncia en tempo e forma. «O Pleno Extraordinario foi exposto tan tarde que acabou sendo un brinde ao sol», concluíu en alusión ao labor de grupo socialista.

Por último Sánchez Oroza reiterou o seu compromiso co pobo de Miño ao sinalar que a súa obrigación como alcalde é a de «defender os intereses de todos os veciños e veciñas de Miño, máis aló da obrigación que a lei impón de pagar os 21 millóns de euros aos expropiados». O rexedor anunciou, ademais da realización dunha auditoria sobre o expediente do caso Fadesa, a creación dunha comisión de seguimento para delimitar responsabilidades neste sentido. Dita comisión estará formada por dous concelleiros de cada grupo e o Alcalde.

Ademais da adhesión ao Fondo de Impulso económico de 2015, durante a sesión votáronse outros dous asuntos e interese veciñal: a adhesión ao convenio con Xunta e Estado para instaurar o portelo único e a inclusión na plataforma electrónica de intercambio de información denominado Emprende en 3,da Secretaría de Estado de Administracións públicas do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Ambos foron aprobados co apoio de todas as forzas políticas.

30 de xullo de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.