publicidade hoxe

Medio Ambiente reforza o sistema de acceso ao monumento natural da Praia das Catedrais este fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadeo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, reforzará este fin de semana o sistema de acceso ao Monumento Natural da Praia das Catedrais, xa que se espera unha alta afluencia con motivo da festividade do Día de Galicia. Este mediodía a aplicación de central de reservas mostraba a dispoñibilidade de 1.500 prazas dispoñibles para visitar o areal, tal e como se pode comprobar na plataforma de reservas ascatedrais.xunta.es.

A totalidade do equipo traballará a prol do correcto funcionamento do sistema de ordenación, que inclúe a atención aos visitantes, a regulación do acceso ao areal, ordenar o acceso ao mesmo e dirixir os vehículos dos visitantes cara ás zonas de aparcadoiros habilitadas, así como facilitar información sobre o monumento natural e as rutas e lugares alternativos para visitar. Tamén persoal de Turismo de Galicia estará na zona para consultar e testar a opinión dos visitantes.

Cómpre destacar que a presenza destes guías complementa os servizo gratuíto de atención aos visitantes con rutas guiadas polo Monumento Natural da Praia das Catedrais, que empezou a funcionar a semana pasada. Este servizo está dirixido a particulares e grupos, realízase en distintos horarios para que o visitante elixa o que máis lle agrade. Para poder participar, os turistas deberán solicitalo chamando ao teléfono 608 202 683 de 10:00 a 13:00 horas, de luns a venres. Cabe precisar que o número máximo de persoas por grupo é de 25. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza lembra que esta solicitude de visita guiada non exime da necesidade de realizar a reserva a través da web https://ascatedrais.xunta.es.

Regulación dos vehículos

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza tamén instalou pivotes de madeira, para procurar a máxima integración dos elementos coa contorna, na estrada que dá acceso á Praia das Catedrais, co obxectivo de evitar que os vehículos estacionen fóra dos lugares indicados e reforzar, dese xeito, a seguridade viaria e ambiental.

Esta actuación executouse en coordinación coa Deputación Provincial de Lugo (titular da estrada) e a Delegación do Goberno en Galicia, seguindo as recomendacións trasladadas pola Dirección Xeral de Tráfico para garantir a seguridade viaria e a fluidez dos vehículos nas épocas de maior afluencia de visitantes.

Deste xeito, cúmprese co obxectivo do Plan de conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais aprobado o pasado 11 de xuño polo Consello da Xunta co obxectivo de ordenar o espazo protexido para facer compatible a preservación dos seus valores naturais cun uso público sustentable.

Itinerarios alternativos

A Xunta de Galicia tamén deseñou unha serie de itinerarios alternativos para que, no caso de non poder acceder ao areal por excederse da capacidade máxima de carga, o visitante aproveite a súa estadía na zona. Establecéronse unha serie de itinerarios alternativos que comezan desde o areal e que están recollidos na guía Alén das Catedrais. A Axencia de Turismo de Galicia distribuíu folletos nas oficinas de turismo da Xunta e tamén nas oficinas de turismo da zona dos concellos de Viveiro, Foz, Barreiros, Mondoñedo, Ribadeo, para dar a coñecer outras zonas da mariña lucense.

Este documento tamén se pode descargar gratuitamente nos móbiles en tres idiomas (galego, castelán e inglés) dende a páxina web de Turismo de Galicia; ao igual que a información sobre as distintas praias con bandeira azul, faros e areais da Mariña (http://www.turgalicia.es/alternativas).

24 de xullo de 2015 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.