publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente licita por 550.000 euros as obras de mellora do firme da AC-234 que une Arzúa e As Corredoiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúa
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación dun contrato de obras para a reparación do firme da estrada AC-234, que une a localidade de Arzúa (N-547) con As Corredoiras (AC-840). Mediante este contrato, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), mellorará as condicións de comodidade e seguridade dos usuarios desta vía.

As obras contan cun orzamento de case 550.000 € e desenvolveranse entre o punto inicial da estrada, en Arzúa, e Boimil, nas proximidades das Corredoiras (punto quilométrico 11+160). Ao longo do treito de actuación, proxéctanse distintas solucións localizadas, adaptadas ás necesidades de cada subtramo, coa finalidade de eliminar as deformacións existentes na capa de rodadura e de mellorar a resistencia ao deslizamento.

Executaranse principalmente dous tipos de actuacións diferenciadas: nos tramos que presentan fisuras estenderase un microaglomerado que mellora as características superficiais; nos treitos con maiores deformación, procederase a fresar as partes deterioradas a repoñer o firme co mesmo espesor de mesturas bituminosas en quente.

Así mesmo, realizaranse unha serie de actuacións complementarias que comprenden o repintado da sinalización horizontal e a incorporación de sinalización vertical.

Estes traballos contarán cun prazo de 7 meses e beneficiará a máis de 8.500 habitantes dos concellos coruñeses de Boimorto, Arzúa e a súa área de influencia.

Conservación de estradas

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que estes traballos son un bo exemplo do esforzo que a consellería está a realizar en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, ás que se destinará un investimento superior aos 24 millóns de euros neste ano, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias coma a que se licita no día de hoxe.

A Axencia Galega de Infraestruturas licita hoxe ademais outro contrato de obra de rehabilitación dos firmes doutras tres estradas coruñesas (AC-400, AC-430 e AC-432), que conta cun orzamento de 540.000 euros, que se suma aos dous contratos para a rehabilitación extraordinaria de firmes desta provincia licitados no pasado mes de abril, que contan cun orzamento superior a un millón de euros.

3 de xullo de 2015 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.