publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente inicia as obras dunha glorieta na estrada Betanzos–Mesón do Vento en Abegondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciou a execución dunha nova glorieta no punto quilométrico 15+980 da estrada Betanzos– Mesón do Vento (AC-542), no término municipal de Abegondo, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria na zona.

A rotonda facilitará os xiros á esquerda en condicións de seguridade no treito da estrada comprendido entre Montouto e San Bartolomeu, que debido ao seu trazado sinuoso e elevada pendente non conta en moitos puntos coa visibilidade suficiente para permitir estes movementos nas condicións desexables, dando así un maior servizo aos veciños.

Os traballos iniciáronse no día de onte coa limpeza e desbroce dos marxe, e terán unha duración aproximada de dous meses. A Axencia Galega de Infraestruturas destina 108.748,67 euros a estas obras, que se executan mediante o contrato de conservación integral.

Para executar a glorieta será necesario adecuar e prolongar as obras de drenaxe existente e soterrar unha liña telefónica. Estes serán os primeiros traballos que se acometerán.

A continuación, realizarase o movemento de terras para conseguir o espazo necesario para a nova plataforma da rotonda, que contará con 32 metros de diámetro polo que permitirá un xiro cómodo tanto de vehículos lixeiros coma de pesados. No seguinte plano amósase o punto no que se ubicará a rotonda e un plano de implantación da infraestrutura.

A partir deste momento será necesario realizar restricións de tráfico na estrada, que serán debidamente sinalizadas mediante sinalistas ou semáforos, permitindo a circulación de xeito alternativo por un dos carrís. Os traballos concluirán coa execución do paquete de firme e colocarase a sinalización vertical e horizontal na rotonda.

Outras actuacións nesta estrada

A Consellería de Medio Ambiente licitou o pasado 3 de xullo outra actuación para a mellora da seguridade viaria na estrada AC-542: a execución dunha senda peonil no núcleo das Travesas, no Concello de Carral, nun treito no que o trazado do Camiño Inglés de Santiago procedente da cidade da Coruña é coincidente coa estrada

Coa construción da senda, cuxo orzamento ascende a 115.499,40 euros, mellorarase a seguridade viaria na travesía das Travesas, situada a dous quilómetros da glorieta que agora se inicia.

Ambas actuacións son boa mostra da prioridade estratéxica do Goberno Autonómico en materia de conservación e mellora da seguridade viaria nas estradas da súa titularidade.

23 de xullo de 2015 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.