publicidade hoxe

Medio Ambiente inicia as obras da senda peonil entre Anllóns e a Trabe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteceso
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de iniciar a execución dunha senda peonil que comunicará os núcleos de Anllóns e Ponteceso. As obras foron adxudicadas á empresa Canarga, S. L. por máis de 210.000 euros (211.344,00 €) e contan cun prazo de execución de catro meses.

A actuación desenvolverase na marxe dereita da estrada autonómica que comunica Grilloi e Ponteceso (AC-423), entre os puntos quilométricos 12+340 (en Anllóns) e 13+970, nas proximidades da zona escolar de Ponteceso. O seu obxectivo é dotar a este treito da estrada dunha zona diferenciada para o tránsito de peóns, xa que na actualidade apenas conta con beiravía.

Adoptaranse distintas tipoloxías construtivas en función do espazo dispoñible e dos usos consolidados na marxe dereita da estrada. As diferentes solucións permitirán tanto a circulación dos peóns, que contarán cun ancho mínimo de 1,5 metros para camiñar en condicións de seguridade, coma a axeitada drenaxe da estrada.

Para iso executarase a senda en formigón cunha pendente tendida suficiente para canalizar as augas pluviais, e colocaranse drens e unha tubaxe para a recollida destas augas nos treitos que resulte necesario.

No entorno do punto quilométrico 13+700 o terreo está frecuentemente encharcado e non reúne as características necesarias para a execución dunha senda formigonada, polo que se colocará unha pasarela de madeira fincada de aproximadamente 160 metros de lonxitude.

Outras actuacións da consellería para o fomento da mobilidade peonil e ciclista

O goberno autonómico está actualmente a desenvolver diversos programas cos que se pretende favorecer a sustentabilidade ambiental, reducindo a utilización dos vehículos privados, tanto mediante o fomento do transporte colectivo ou público coma coa execución de infraestruturas que favorezan a utilización de formas alternativas de transporte, menos contaminantes.

De xeito concreto na comarca de Bergantiños, a Consellería de Medio Ambiente está a traballar na análise das posibles actuacións que faciliten os desprazamentos peonís e ciclistas mediante un contrato adxudicado a Ingeniería del Noroeste S.L. (INOR), xa foi asinado e conta cun prazo de redacción de 12 meses.

As tarefas a realizar comprenderán dúas actuacións diferenciadas: en primeiro lugar, realizarase un estudo inicial de identificación de sendas na comarca de Bergantiños, no que se analice a situación actual na área de estudo en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas e se propoña a realización de actuacións concretas para resolver a problemática que poida detectarse; en segundo lugar, redactarase un proxecto construtivo no que se desenvolverán as actuacións identificadas coma necesarias.

A consellería que dirixe Ethel Vázquez aposta por este tipo de actuacións, coas que se facilita a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios e ademais se fomentan comportamentos máis respectuosos co medio ambiente.

2 de xullo de 2015 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.