publicidade hoxe

Medio Ambiente destaca a normalidade rexistrada na posta en marcha das medidas de acceso á praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadeo
A-
A+

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, destacou hoxe a normalidade rexistrada esta mañá na posta en marcha das medidas de ordenación do acceso ao Monumento Natural da Praia das Catedrais. Cabe sinalar que unha ampla porcentaxe dos visitantes que se achegaron hoxe nas horas de baixamar ata o areal contaban coa autorización necesaria desde hoxe ata o 30 de setembro. Así mesmo, os guías contribuíron a ordenar o tráfico e os aparcadoiros e axudaron aos turistas a obter o pase a través da web http://ascatedrais.xunta.es

Tellado Barcia, quen supervisou o sistema de ordenación, mostrouse convencida de que a regulación será asumida, de xeito progresivo, polo total dos visitantes, tal e como sucedeu noutros espazos protexidos de Galicia e España, sen que representaran eivas para o turismo, senón todo o contrario.

Coas medidas recollidas no Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais, nas que a Xunta leva traballando desde hai tempo para ordenar o acceso a este espazo protexido, o obxectivo é conseguir que este areal siga a ser un referente turístico de Ribadeo, da Mariña e de toda Galicia.

Entre as medidas postas en marcha, destaca o sistema de control do acceso, para o que se necesita unha autorización que calquera persoa pode conseguir en poucos minutos a través da web http://ascatedrais.xunta.es desde quince días antes ata a propia xornada da visita.

Para velar polo correcto funcionamento do sistema de ordenación, hoxe estiveron atendendo aos visitantes 3 guías encargados de regular o acceso ao areal, 5 encargados de ordear o tráfico e as zonas de aparcadoiro, 3 educadores ambientais e 3 axentes da autoridade. Ademais, o persoal de Turismo de Galicia que recolle a opinión dos visitantes e a súa percepción do espazo, co obxectivo de continuar a planificar actuacións que melloren o atractivo deste lugar. Estes traballadores súmanse aos oito socorristas que este verán traballarán en Ribadeo co financiamento da Xunta de Galicia.

A directora xeral de Conservación da Natureza manifestou que, con estas medidas, non se pretende establecer ningún tipo de prohibición, senón acadar unha ordenación que permita unha xestión sustentable deste espazo tan valioso desde o punto de vista ambiental e turístico.

Servizos de transporte público

Verónica Tellado destacou que hoxe mesmo tamén entrou en funcionamento un servizo de autobuses desde Ribadeo ata As Catedrais, que está adaptado aos horarios das mareas, con tres servizos diarios de ida e tres de volta, con prezos moi competitivos e que só presentando o billete, garante o acceso ao Monumento Natural.

Engadiu que os usuarios dos trens turísticos tamén terán o acceso garantido ao Monumento Natural sen necesidade de autorización previa, así como todas as persoas que se aloxen en Ribadeo.

Por último, a directora xeral asegurou que a Xunta de Galicia seguirá a traballar de xeito coordinado coas administracións, como por exemplo coa Delegación do Goberno en Galicia e a Deputación de Lugo para ordenar o tráfico e reforzar a sinalización cara aos aparcadoiros da contorna, desde os que se pode acceder camiñando ata a praia.

1 de xullo de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.