publicidade hoxe

Medio Ambiente aproba o expediente de información pública e o trazado da vía de Portobravo ao corredor Brión-Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proceso de información pública e definitivamente do proxecto de trazado e impacto ambiental da conexión dende Portobravo, Concello de Lousame, coa AC-543 (Vidán – Noia). 

A consellería de Medio Ambiente someteu en maio de 2014 ao trámite de información pública e dos organismos afectados o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental, no que se desenvolvían tres alternativas e se propoñía a denominada alternativa 1. Esta alternativa mantense tras a análise das tres alegacións e dos seis informes (todos eles favorables) emitidos por organismos públicos.

A conexión proxectada, que en total conta cunha lonxitude próxima a 1,2 quilómetros, permitirá que, partindo do enlace co corredor CG-1.5 Brión- Noia en Sampaio, a través da conexión posta en servizo polo goberno autonómico en 2012 coa AC-543, e discorrendo a través desta e da vía que se somete a información pública, os usuarios se acheguen ao núcleo de Portobravo por un itinerario mais áxil e seguro, evitando o tráfico de características máis urbanas da travesía de Noia.

A nova comunicación mellorará a accesibilidade ao Concello de Lousame, incrementará a seguridade viaria dos usuarios, e ademais reducirá a lonxitude e o tempo de percorrido.

Situación actual

Na actualidade a conexión con Lousame a través das autonómicas AC-311 e AC-308 é sinuosa e, tendo en conta as edificacións que existen en ambas marxes destas estradas, practicamente pode asimilarse a unha travesía, principalmente a AC-311. Isto fai que a conexión entre o municipio de Lousame e a estrada Brión – Noia non sexa cómoda nin rápida para os usuarios. O proxecto da nova conexión ten por obxecto eliminar esta problemática ao habilitar unha nova vía que evitará o paso pola AC-311.

A actuación conseguirá ademais mellorar dúas interseccións existentes, que na actualidade presentan reducida visibilidade, ao transformalas en glorietas que obrigan ao condutor a reducir a velocidade, de xeito que os cruzamentos poidan realizarse de forma mais segura.

Características do trazado

O trazado deseñado iníciase na estrada AC-308, nas proximidades de Portobravo. Desde o punto de inicio, no que se proxecta unha glorieta, defínese unha vía de nova construción de aproximadamente 840 m de lonxitude que finaliza na AC-311 en A Fialla, na travesía de Noia, nunha segunda glorieta. A rotonda será urbanizada e contará con beirarrúas, e alumeado, dado que se atopa nun entorno moi consolidado.

A nova vía deseñada conta con 10 m de plataforma e un trazado adaptado ao terreo, sendo a orografía da zona e a presenza do río San Xusto e de numerosas edificacións os principais condicionantes atopados á hora definir a traza.

Esta nova estrada permitirá reducir en algo mais dun quilómetro a lonxitude a percorrer polos usuarios, que ademais evitarán a intersección actualmente existente entre as estradas AC-311 e AC-308, moi encaixada entre edificacións.

A continuación, a infraestrutura apoiase na estrada CP-5702 que comunica as vías de titularidade autonómica AC-311 e AC-543, na que finaliza o eixe proxectado. A estrada local, de 280 m de lonxitude, será ampliada para aumentar a súa capacidade, resolvéndose mediante unha nova glorieta a intersección coa AC-543, na que se entroncará tamén a estrada.

Na actualidade, esta intersección non conta con carril central de espera para facilitar os movementos á esquerda, polo que o proxecto mellora a seguridade viaria neste punto.

Desde este punto, os usuarios poderán acceder de forma rápida e segura ao corredor Brión – Noia utilizando a conexión executada na mesma estrada AC-543 en Sampaio, posta en servizo pola Xunta en 2012 e que requiriu dun investimento de 1,7 M€.

O orzamento das actuacións definidas no proxecto de trazado ascende a preto de 1,4 M€.

Resultado da información pública

A Axencia Galega de Infraestruturas iniciou xa ademais a redacción do proxecto construtivo no que se desenvolve o trazado aprobado no día de hoxe no subtreito comprendido entre Portobravo (AC-308) e A Fialla (AC-311). Este é o tramo considerado coma prioritario, polo que será obxecto da primeira fase das obras.

Segundo se indica na resolución de aprobación do proxecto de trazado, no proxecto de construción deberase rectificar a situación da glorieta definida na AC-308 nas proximidades de Portobravo, desprazándoa lixeiramente cara o norte para adaptala ao Plan Parcial de solo urbanizable industrial que prevé desenvolver o Concello de Noia.

Ademais, terase en conta a reposición dun manancial do que se subministran unhas naves situadas no lugar do Piñeiriño, no caso de que se vise afectado polas obras, e terase especial coidado ao aplicar as medidas correctoras e de restauración que recomenda o Instituto de Estudos do Territorio, para garantir a adecuada integración paisaxística da actuación, así coma as recomendacións expostas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Asemade, na redacción do proxecto construtivo e durante a execución da obra cumpriranse as prescricións da Declaración de Impacto Ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental na súa resolución de 16 de abril de 2015, e que se publica tamén no Diario Oficial de Galicia no día de hoxe.

14 de xullo de 2015 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.