publicidade hoxe

Máis de 30.000 persoas visitaron na primeira quincena de xullo a praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

A principios deste mes de xullo comezaron a implantarse algunhas das medidas de protección contempladas no Plan de conservación do monumento natural das Catedrais. Este plan incluía, entre outras medidas, a limitación do número de persoas que poden acceder diariamente ao areal e a necesidade de facer unha reserva gratuíta previa á visita.

Co fin de coñecer a repercusión desta decisión nos establecementos de aloxamento da zona, Turismo de Galicia realizou unha sondaxe co obxectivo de medir o nivel de ocupación dos establecementos na primeira quincena do mes de xullo, As expectativas cara ao verán e a posible influenza que as medidas de protección puideran ter nos niveis de afluencia turística e ocupación dos propios establecementos. En particular, seleccionáronse para a mostra os hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings e establecementos de turismo rural dos concellos de Ribadeo, Barreiros, Viveiro e Foz.

Unha das principais cuestións detectadas nesta sondaxe foi a vinculación existente entre a visita á praia das Catedrais e os niveis de ocupación dos establecementos da zona. O 85% dos viaxeiros aloxados nos establecementos regrados dos catro concellos consultados visitou a praia das Catedrais durante a súa estadía nestes, situándose esta porcentaxe preto do 89% no concello de Ribadeo e no 77% en Viveiro.

Así mesmo, os datos reflicten que, durante a primeira quincena de xullo, un total de 30.209 persoas visitaron a praia das Catedrais, un 72% delas con reserva previa.

Neste senso, tres de cada catro establecementos consultados sinala que as medidas de restrición de acceso implantadas na praia das Catedrais non están a afectar aos seus resultados de afluencia e ocupación. En termos comparativos son os establecementos de Viveiro e Foz os que se perciben menos afectados polas medidas implantadas –así o sinalan o 90% e 80% dos mesmos, respectivamente-.

Ocupación na primeira quincena de xullo

Así mesmo, a sondaxe mostrou que o conxunto dos catro municipios nesta primeira quincena de xullo rexistrou unha ocupación media do 65,4%. Viveiro foi o concello que presentou neste período a porcentaxe máis elevada cunha ocupación do 71,9% seguido de Ribadeo onde a ocupación media situouse no 68%.

Os apartamentos turísticos foi a modalidade que presentou na primeira quincena de xullo unha maior ocupación, superando o 80% de media. Séguenlle en orde de ocupación os hoteis, -cun 68,2%-, as pensión -cun 59,8%-, os establecementos de turismo rural –cun 56,6%- e finalmente os cámpings -cun 41%-.

Na comparativa co mesmo período de 2014 un 78,5% dos establecementos consultados indicou que os resultados desta primeira quincena son iguais ou mellores que os do mesmo período do pasado ano, indicando especificamente preto do 47% que ata o momento as cifras deste ano melloran as do mesmo período do 2014.

Tendo en conta as tipoloxías, o 83,3% dos hoteis sinalan estar igual ou mellor que o pasado ano, cifra que se sitúa no 76,2% nas pensións, no 76,9% nos establecementos de turismo rural, no 75% nos apartamentos turísticos, e no 71,4% dos cámpings.

Considerando os datos por concellos a sondaxe mostra que o 80% dos establecementos de Ribadeo e Foz consideran que están igual ou mellor que o pasado ano, Viveiro presenta unha cifra do 78,9%, mentres en Barreiros o 73,3% considera que os resultados desta primeira quincena de xullo son cando menos tan bos como os do 2014.

Previsión ocupación verán

En canto á previsión da ocupación para todo o verán, segundo as cifras apuntadas polos establecementos consultados, as expectativas actuais sitúan esa porcentaxe por encima do 85% en Ribadeo e Viveiro. En Foz estímase poder chegar ao 80% mentres que en Barreiros as expectativas son do 78,7%.

A nivel de tipoloxías de aloxamento as expectativas sitúan o nivel de ocupación por encima do 80% na maior parte delas.

Así mesmo, a valoración de tipo máis cualitativa é moi positiva nos catro concellos consultados. Un 100% dos establecementos de Viveiro e un 80% dos situados en Ribadeo sinalan que teñen boas expectativas cara ao conxunto do verán.

Considerando os datos por tipoloxías de establecementos as pensións e apartamentos turísticos son os que máis confianza teñen, pois o 100% dos mesmos teñen expectativas positivas. Así mesmo, os hoteis e establecementos de turismo rural presentan cifras superiores ao 70%.

23 de xullo de 2015 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.