publicidade hoxe

Louzán inaugura o novo pavillón do colexio Cabanillas en Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, inaugurou esta mañá o novo pavillón do colexio Cabanillas, en Cambados, despois da reforma integral realizada no recinto. “Seguimos na liña de mellorar as infraestruturas deportivas e esta era unha necesidade para Cambados. Este novo pavillón de deportes, totalmente remodelado, tanto interior coma exteriormente, vai permitir un desafogo importante da gran cantidade de actividade deportiva que ten este concello”, sinalou.

Logo dos traballos realizados o pavillón pode empregarse para a práctica de fútbol sala, baloncesto, balonmán e voleibol. Instalouse unha pista de material de última xeración, construíronse bancadas e vestiarios, e renovouse todo o equipamento e material do recinto.

A obra, financiada integramente polo organismo provincial, implicou a reconversión do antigo patio do centro educativo nun pavillón de deportes que os propios responsables cualificaron “dunha obra excelente que nada ten que ver co que tiñamos antes, que vén colmar as aspiracións de moita xente do deporte e que nos facilita o traballo ós que nos encargamos da xestión no Concello”.

Os responsables municipais que acompañaron o presidente da Deputación nesta inauguración tamén valoraron a aposta da institución provincial polo deporte nesta localidade, que “nos permite ter unhas instalacións deportivas excelentes”.

A remodelación do pavillón de Cabanillas súmase á xa finalizada no Pombal e á reforma da cuberta da piscina municipal, cuxa licitación está en concurso e que este mesmo mes será adxudicada, segundo manifestou Rafael Louzán.

Melloras na seguridade en Vilariño e Burgáns

Rafael Louzán quixo aproveitar esta visita a Cambados para supervisar, xunto ós responsables municipais, o estado no que se atopa a estrada O Sineiro-Vilariño despois da obras de mellora da seguridade realizadas no lugar.

A Deputación sufragou esta actuación cunha subvención a cargo do PPOS, de 240.409 euros, para acometer a primeira fase da mellora integral da estrada de subida a Burgáns, desde o cruzamento coa avenida de Vilariño ata as proximidades da parcela onde se sitúa a empresa Transportes Núñez.

Levouse a cabo unha renovación integral do pavimento da estrada e construíronse beirarrúas nunha das marxes da calzada co fin de mellorar as condicións de seguridade da vía que sirve de acceso ó colexio de Vilariño, ó campo de fútbol e á bodega Martín Códax.

7 de xullo de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.