publicidade hoxe

Lousame terá unha dedicación completa para a alcaldesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame celebrou na noite de onte luns a súa sesión de organización, na que quedaron constituídos os catro grupos municipais da corporación (PP, PSOE, Partido da Terra e BNG) e se deu a coñecer a composición do novo Goberno Municipal. Así, a alcaldesa Teresa Villaverde indicou que a Xunta de Goberno Local estará presidida por ela mesma e composta polos tres tenentes de alcaldesa: Ramón Manuel Martínez Rial, Silvia Agrafojo Filgueira e María Regenjo Vázquez.

Teresa Villaverde deu conta da nova estrutura do seu Goberno municipal, que queda conformado do seguinte xeito:

– Ramón M. Martínez Rial (primeiro tenente de alcaldesa), concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas, Protección Civil e Medio Ambiente.

– Silvia Agrafojo Filgueira (segunda tenente de alcaldesa), concelleira de Ensino, Servizos Sociais, Igualdade, Muller e Sanidade.

– María Regenjo Vázquez (terceira tenente de alcaldesa), concelleira de Deportes, Xuventude e Turismo.

– Ramón Figueroa Pérez, concelleiro de Medio Rural, Seguridade Viaria e Parque de Maquinaria.

– Ramón García Conde, concelleiro de Parques e Xardíns.

Plenos e comisións

O pleno aprobou (cos 6 votos a favor do PP, as 3 abstencións do PSOE e os 2 votos en contra de PT e BNG) fixar as sesións plenarias ordinarias os terceiros venres de cada dous meses, celebrándose un extraordinario o próximo mes de agosto. BNG e PT coincidiron en pedir sesións mensuais, ao que a alcaldesa respondeu que “o mínimo marcado pola lei son cada tres meses, e nós o poñemos cada dous” 

Así mesmo, a voceira do PT, Iolanda Mato, propuxo a eliminación da Xunta de Goberno Local e que o Concello poña un autocar para os concelleiros e os veciños que queiran asistir aos plenos. A alcaldesa de Lousame explicou que a constitución da Xunta de Goberno Local é unha cuestión de operatividade porque “do contrario se alongarían no tempo calquera procedemento” e lembrou que “as actas desas sesións lles chegan aos membros da oposición para que poidan facer o seu labor de seguimento e control do Goberno”. 

O pleno tamén aprobou a creación de dúas comisións: Comisión Especial de Contas e Comisión de Control de Asuntos do pleno. Ambas estarán presididas pola alcaldesa Teresa Villaverde e composta por 4 concelleiros do PP, 2 do PSOE, 1 do PT e 1 do BNG. A voceira do Partido da Terra propuxo a desaparición da comisión de asuntos do pleno e que a composición das mesmas fose de unha persoa de cada grupo municipal. Villaverde explicou que, de acordo coa xurisprudencia existente, “as comisións teñen que ter unha representación semellante á composición da corporación”. A proposta foi aprobada cos 9 votos a favor de PP e PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra do PT.

O pleno tamén tomou coñecemento dos representantes do Concello de Lousame en distintos órganos e entidades. Así, a concelleira Silvia Agrafojo será a representante de Lousame no consello escolar do CPI Cernadas de Castro e no Fondo Galego de Cooperación. Pola súa banda, a alcaldesa Teresa Villaverde será a representante de Lousame na Mancomunidade Serra do Barbanza, no Consorcio Galego de Servizos Sociais e na Rede de Dinamización Lingüística, sendo Silvia Agrafojo a súa suplente nas dúas últimas entidades. Finalmente, na Asemblea da Mancomunidade de Municipios Serra do Barbanza, Lousame estará representado por Teresa Villaverde e Silvia Agrafojo (PP), Julio Paradela (PSOE)e Iolanda Mato (PT).

Contratación 

O pleno de Lousame tomou coñecemento da formación da Mesa de Contratación Permanente, presidida por Teresa Villaverde e composta polos cinco concelleiros do PP e o voceiro do PSOE Julio Paradela. Pese a non ser un punto aberto á votación, o Partido da Terra pediu que as sesións da Mesa de Contratación Permanente sexan abertas ao público e que dende o Concello se convide aos veciños a asistir a elas, referíndose a un suposto embargo que pesa por débedas sobre o Concello de Lousame.

Teresa Villaverde explicou que o funcionamento da Mesa de Contratación está fixado por lei e que esta é a que establece que partes son abertas ou non ás distintas partes. Sobre o do embargo, asegurou que “non se pode faltar á verdade, o Concello de Lousame non está embargado”. A alcaldesa explicou que “a día de hoxe, a nosa débeda é de 165.843,1 euros, o que representa o 8,63% do noso orzamento. Unha situación económica que para si quererían moitas administracións públicas”. Así mesmo, indicou que o embargo ao que se refire o PT é sobre as cantidades abonadas polo Concello ao ex-tesoureiro municipal, condenado polo Tribunal de Contas a devolver os cartos desviados de xeito indebido.

O maior debate xerouse coa aprobación das dúas dedicacións do Concello de Lousame: unha dedicación exclusiva de 35.320,6 euros anuais/brutos e sen trienios para a alcaldesa e unha dedicación parcial de 9.324,9 euros anuais/brutos por seis horas diarias para o concelleiro de Urbanismo. Villaverde explicou que “durante estes dous últimos anos estiven compatibilizando o meu traballo como docente e a Alcaldía. Tentei que fose unha dedicación parcial pero Educación non o permite e os veciños reclaman que estea máis tempo no Concello”. Ademais, indicou que a súa dedicación non se comezará a abonar ata o 1 de xaneiro de 2016 “para non alterar o orzamento xa aprobado para 2015”.

O PSOE aplaudiu a decisión da alcaldesa de tomar unha dedicación exclusiva, tal e como levaban pedindo os dous últimos anos, pero consideraron que a contía era un pouco alta. Un reproche que tamén fixeron BNG e PT, quen mesmo propuxo a eliminación de todas as retribucións: dedicacións, asistencia a plenos e asistencias a comisións. A proposta do Grupo de Goberno foi aprobada cos 6 votos a favor do PP e cos 5 votos en contra de PSOE, BNG e PT.

O último punto da orde do día, a modificación das bases de execución do Orzamento, quedou sobre a mesa. Así mesmo, antes de que o pleno dese comezo, tanto a alcaldesa como o secretario do Concello se dirixiron á voceira do PT para instala a que ocupara o seu posto no pleno, tal e como establece o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais. Para que facilitar que a concelleira puidese atender á súa filla durante a sesión plenaria, cambióuselle a silla por outra sen brazos.

14 de xullo de 2015 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.