publicidade hoxe

Lousame inviste 36.000 euros no arranxo do camiño de Mirón a Lesende

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame está a executar as obras de mellora da capa de rodaxe do camiño de Mirón a Lesende, nos que inviste 35.929 euros cofinanciados polo propio Concello e polo AGADER dentro do Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal 2014-2015. Uns traballos que estarán rematados nos próximos días.

As obras inclúen a limpeza de gabias de ambas marxes e a mellora da capa de rodaxe dos 1.885 metros deste camiño, así como 400 metros cadrados de sobreancho que suporán a ampliación da calzada dun metro (0,5 metros a cada lado). Nestes momentos estase a realizar a reparación de fochas e o perfilado de mordentes. Despois procederase a un tratamento asfáltico superficial e rego de selado aos 1,8 quilómetros do camiño, rematando os traballos cun tratamento asfáltico semiprofundo. 

Con esta obra, o Concello de Lousame finalizará a execución do proxecto cofinanciado polo AGADER “Camiño de Seixido a Filgueira e outros”, que supuxo un investimento global de 84.892 euros, dos que a entidade local terá achegado 17.827 euros. Este proxecto supuxo o arranxo de catro camiños municipais: Seixido-Filgueira (4.011 euros), Seixido-Ces (17.565 euros), Cruce Arxellas-límite do Concello (12.451 euros) e o devandito camiño de Mirón a Lesende (35.929 euros).

7 de xullo de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.