publicidade hoxe

Instálanse máis de 200 luminarias LED en seis concellos pontevedreses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaAgoladaMeisNigránPontevedraRibadumiaTui
A-
A+

A Deputación continúa cos traballos para optimizar a iluminación exterior pública nos concellos da provincia. Na actualidade en Tui, A Estrada, Ribadumia, Nigrán, Meis e Agolada xa se cambiaron máis de 200 lámpadas de vapor de sodio por outras novas de LED. Estes seis concellos participan na proba piloto de iluminación pública coa que se queren recoller os datos e medicións que permitan establecer accións orientadas a mellorar e facer un uso máis eficiente da enerxía e que no futuro serán aplicables a todos os municipios da provincia.

Proba piloto en seis concellos

Con estas tarefas de control da iluminación estase a realizar un estudo técnico que ten como finalidade axustar as potencias de iluminación ás necesidades reais mediante o emprego de tecnoloxía de alta eficiencia LED.

Os novos puntos de luz contrólanse individualmente e en remoto (o consumo, o acendido, o apagado e as avarías) e os cadros xerais da iluminación sométense a un rigoroso seguimento mediante a instalación de dispositivos de monitorización e outras ferramentas de telexestión que permiten programar os horarios de acendido e apagado e regular a intensidade da iluminación.

200 lámpadas LED para optimizar o gasto

Os datos de consumo que se recollen refírense ás novas lámpadas LED xa instaladas (200) e que permitiron reducir a potencia de consumo entre o 51 % e o 80 %.

Coa análise dos datos destas lámpadas defínense accións coas que diminuír os custos de funcionamento das instalacións de iluminación pública e que lles permitirá ós concellos optimizar o gasto enerxético neste ámbito.

Estes novos puntos de luz están conectados a un único cadro de iluminación pública, no que se concentran os instrumentos de control e de telexestión. A súa regulación punto a punto permite aforrar máis enerxía e facer máis eficiente o mantemento.

Os datos que se capturan nesta proba piloto envíanse a unha plataforma tecnolóxica de última xeración, baseada no concepto IoT (Internet of Things), con capacidade de xestión e mellora das actividades de operación e mantemento.

Proxecto depoGAP

Esta iniciativa forma parte do proxecto depoGAP, promovido pola Deputación de Pontevedra e cofinanciado nun 70 % a través dos fondos FEDER.

DepoGap quere promover un novo modelo de xestión dos activos públicos a través das novas tecnoloxías e coa colaboración e participación cidadá.

17 de xullo de 2015 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.