publicidade hoxe

Fálame de San Sadurniño competirá polo premio á mellor iniciativa europea sobre envellecemento activo e inclusión dixital

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

O proxecto Fálame de San Sadurniño desenvolvido no seo da Aula CeMIT acaba de ser elixido como representante estatal aos premios ACTing, convocados dentro deste programa europeo no que participan entidades de España, Italia, Rumanía e Suíza. A iniciativa ACTIng busca crear unha metodoloxía pedagóxica dirixida a axentes sociais que traballen nas áreas do envellecemento activo e a inclusión dixital. Neste sentido, o xurado destacou a sinxeleza e o “potencial para as comunidades locais” do concepto Fálame… En setembro a responsable da Aula CeMIT, Carmen Suárez, e unha das persoas maiores que colaboran no proxecto viaxarán a Xenebra para asistiren á final, que se decidirá entre oito candidaturas.

O ACTing-Axentes Sociais Promotores da Idade activa a través das TIC iniciouse hai dous anos con finanzamento da Comisión Europea dentro do Lifelong Learning Programme e baixo a dirección en España da Fundetec. A misión principal do proxecto é ensaiar e poñer en común ferramentas e ideas que combinen o envellecemento activo e a superación da fenda dixital que lle afecta especialmente ás persoas maiores. 

Dous elementos -maiores e TIC- que en Fálame de San Sadurniño foron da man desde o principio. A pesar de que a web está aberta ás achegas de persoas de todas as idades, quizais sexan as maiores as que lle proporcionen un maior valor engadido. Unha polo mérito que ten dar o paso para adentrarse nun mundo descoñecido para case todas elas e outra polo feito de que, co paso dos anos, foron atesourando recordos, saberes e mesmo materiais gráficos cos que reconstruír e manter viva a memoria colectiva do territorio. 

Por esta razón os cursos da Aula CeMIT non se limitan unicamente a unha alfabetización básica en informática e internet, senón que se esforzan por tocalo todo: o escaneado de imaxes, a gravación e edición de sonido, o vídeo e outras posibilidades simplificadas hoxe pola tecnoloxía que se poñen ao servizo do proxecto común www.falamedesansadurnino.org en clave de hucha das vivencias do pasado, pero tamén do presente.

O xurado encargado de elixir os dous proxectos que representarán a España en Suíza dentro de dous meses cualificou a iniciativa como “un proxecto sinxelo, único e orixinal construído entorno a catro eixes centrais: que as fotos falen, que o pasado e o presente se fusionen, o protagonismo dos usuarios e usuarias e a mestura de formatos, debullando o concepto de continuidade histórica das comunidades rurals no transcurso do tempo”.

Para os membros do xurado, “esta percepción sincrónica do tempo ten un gran potencial para as comunidades locais, e moi especialmente no medio rural. Deste xeito, a suma de imaxes e audios dos participantes e de historias aparentemente sen conexión consegue crear a idea dunha comunidade que transmite a súa identidade, que fala”, aseguran.

Ademais de Fálame de San Sadurniño, tamén foi elixido como finalista estatal o proxecto “SpeakSpeare!-Falamos con William”, da Universidade Senior da Coruña. En Europa hai postas en marcha 24 iniciativas singulares que mesturan TIC e dinamización no ámbito do envellecemento activo. Só en España participan nelas unhas 450 persoas.

A responsable da Aula CeMIT de San Sadurniño, Carmen Suárez, e unha das persoas maiores participantes en Fálame… acudirán ao cantón suízo de Xenebra os días 23 e 24 de setembro para ver se, finalmente, traen para a casa o premio ACTing. Xa é un éxito estar na final pero, se cadra, aínda é máis importante que o exemplo de San Sadurniño se empece a trasladar de agora en diante a outras partes do continente.

23 de xullo de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.