publicidade hoxe

Economía e Industria achega ás empresas monfortinas o programa Galicia 1000

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Responsables do Igape achegarán mañá martes 7 de xullo a partir das 20:30 ás empresas e emprendedores monfortinos os diversos instrumentos de financiamento activados pola Consellería de Economía e Industria para impulsar, no marco do programa “Galicia 1000”, os novos proxectos empresariais.

Nunha xornada técnica organizada en colaboración co Centro Comercial Urbano, que se desenvolverá no salón de actos do Centro Cívico monfortino, os responsables do Igape achegarán información sobre os préstamos directos Jeremie, que poden chegar ata 1,8 millóns de euros; e cuxos prazos de amortización poden ser de ata 11 anos, mentres que os xuros máximos poderán quedar por baixo do euríbor máis 0,4%.

Os empresarios da comarca poderán igualmente coñecer as características das liñas financeiras activadas para apoiar os investimentos ou mobilizar circulante para as pemes. Así, mediante o programa de microcréditos do Igape, os emprendedores, autónomos e microempresas poden conseguir préstamos de ata 25.000 euros con xuros bonificados para financiar os seus investimentos ou circulante para desenvolver a súa actividade.

Do mesmo xeito, tal e como se explicará mañá en Monforte, as pemes poderán conseguir préstamos bonificados superiores a 25.000 euros para financiar os seus investimentos. Este ano, e ao abeiro da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, os proxectos do sector industrial –e os dos emprendedores– poderán acceder a unha bonificación adicional do 0,5%. Ademais, tanto os microcréditos como os préstamos de máis de 25.000 euros para empresas que invistan na provincia de Lugo poderán sumar, no marco do Impulsa, outro 0,5% de bonificación.

Por outra parte, e para financiar as necesidades de circulante, o Igape, tamén ao abeiro do Galicia 1000, ten en marcha unha nova edición do programa Resolve, que contempla préstamos bancarios avalados de 3.000 e 150.000 euros, con prazos de amortización de ata 7 anos.

O programa “Galicia 1000” constitúe un paquete integral de financiamento que ten como obxectivo principal o de dar resposta ás distintas necesidades das pemes en función da súa situación. O programa está dotado con 70 millóns de euros e ten capacidade para mobilizar 300 millóns de euros en proxectos empresariais.

6 de xullo de 2015 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.