publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Deteñen ao presunto autor dun incendio forestal intencionado en Mondariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondarizPortada dereitaSucesos
A-
A+

Axentes da Policía Autonómica de Vigo informaron esta mañá da da detención dun home como presunto autor dun delito de incendio forestal intencionado -con motivo dunha vinganza- no Concello de Mondariz.

O presunto autor deste lume é reincidente, xa que fora detido no ano 2010 por provocar un incendio forestal na mesma zona, na parroquia de Frades. Nesta ocasión, o lume produciuse na madrugada do 17 de xullo e queimou 3.000 metros cadrados de superficie arborada, principalmente piñeiro e eucalipto.

Por estes feitos tramitáronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas.

Lume en Culleredo

Doutra banda, os axentes autonómicos da Xefatura da Coruña informaron da imputación de dous homes como presuntos autores dun incendio forestal, ocorrido o pasado 19 de xullo no concello de Culleredo

O lume que se lle imputa aconteceu na parroquia de Ledoño, despois do lanzamento dunhas bombas de palenque cuxos restos caeron nunha zona de herba seca e rapidamente estendeu as lapas a unhas matogueiras colindantes.

As lapas arrasaron 1.600 metros cadrados de monte raso e un prado de herba seca, tendo que precisar dos Servizos de extinción de incendios da Xunta para apagalos e previr a súa propagación. Os imputados non tiveron en conta as medidas de seguridade pertinentes nin a climatoloxía adversa, cun forte vento na zona.

As correspondentes dilixencias foron elevadas ao Xulgado de Instrución de Garda da Coruña. No que levamos de ano, a Policía Autonómica leva imputadas xa a 38 persoas por delitos relacionados cos incendios forestais.

24 de xullo de 2015 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.