publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Curtis propón unha organización municipal austera na que prevé aforrar un 26,5%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

O Goberno de Curtis levará ao Pleno extraordinario fixado para o venres, día 10 de xullo, a proposta de organización municipal para esta lexislatura na que primará a transparencia e a austeridade no gasto, cun aforro previsto dun 26,5% nos órganos de Goberno

A organización que levará para o seu debate e aprobación inclúe a proposta de dar entrada como en anos anteriores aos representantes do BNG na Comisión de Contratación, encargada de propor as adxudicacións dos contratos de obra pública tras valorar as ofertas e estudar a documentación. Os grupos de oposición participan nesta comisión desde o ano 2003, a pesar de non ser obrigatorio por lei, ao ser un dos máximos órganos de control da xestión municipal, o que permite  garantir unha maior participación e a calidade da democracia local.

Ademais, os nacionalistas participarán na Comisión Especial de Contas, á que lle corresponde o exame, estudo e informe de todas aquelas contas, orzamentarias e extrapresupuestarias, que debe aprobar a Corporación.

O Pleno extraordinario tamén designará aos representantes dos grupos políticos nos órganos colexiados.

Contención do gasto

O Concello considera que o contexto de crise obriga a manter como prioridade o gasto en servizos públicos e a máxima austeridade nos gastos destinados a órganos de Goberno, onde prevé unha redución dun 26,5%.

Entre as medidas de aforro, a proposta inclúe reducir en máis dun 50% as dietas por asistencia a Pleno e non constituír aquelas comisións que, sen ser obrigatorias en concellos de menos de 5.000 habitantes, non foron operativas nin achegaron melloras na xestión municipal na última lexislatura, como a Comisión Informativa previa aos Plenos. Este órgano custou ás arcas públicas 31.500 euros, pero os grupos de oposición non interviñeron en ningunha das 43 sesións celebradas, como así quedou reflectido nas actas municipais.

Como medida de aforro, non se creará esta comisión pero manteranse todas as canles de acceso á información, como a entrega no tempo estipulado legalmente de toda a documentación que irá a Pleno, así como o envío nun tempo máximo de 20 días das actas dos Plenos e xuntas locais a todos os edís da Corporación, incluída os decretos, resolucións e relacións de todos os pagos realizados co seu importe, concepto e provedor. Esta información será tamén pública para todos os cidadáns no Portal de Transparencia que o Concello porá en marcha en breve.

O Goberno local proporá, ademais, substituír a Xunta de Goberno Local por unha Comisión de Coordinación, de carácter mensual e con presenza dos concelleiros responsables de áreas de Goberno.

Como medida de austeridade tamén incluirá a decisión de manter unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, cuxo soldo se conxelará unha vez máis, despois de haberse recortado nun 6% en 2010. O rexedor, que por lei podería cobrar un máximo de 40.000 euros, terá un salario de 27.800 euros líquidos (34.000 brutos sen trienios) repartidos en 14 pagas.

7 de xullo de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.