publicidade hoxe

Cores Tourís visita as tarefas de mellora do asfaltado na PO-532

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ás obras

Cores Tourís na visita ás obras

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá xunto con xefe do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez, as obras de mellora do asfaltado da PO-532.

Os traballos realízanse ao longo de 3.32 km entre os concellos de Pontevedra e Ponte Caldelas, dende a glorieta Pk 3+030 na Hermida ata a glorieta Polígono O campiño/Reigosa Pk 6+350 cun orzamento total de 253.218 euros. A obra comprende diversas actuacións que consisten en fresar zonas puntuais con maior nivel de fisuración, adoptando un espesor medio de fresado de 5 cm, para posteriormente aplicar, tanto nestas áreas como na totalidade da plataforma, 5 cm de formigón bituminoso.

Na PO-542 tamén estanse a executar estas tarefas de mellora dende a glorieta Pk 3+220 na Hermida ata a glorieta Pk 5+580. Consiste nun tramo cunha lonxitude 2.36 km para o que se destinan aproximadamente 159.055 euros.

Segundo explicou o xefe do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra “en ambas estradas existía un alto nivel de fisuración debido principalmente ás condicións climáticas e ao elevado tránsito de vehículos pesados, xa que se atopan preto do polígono industrial do Campiño/Reigosa”. “Nalgúns tramos observábase tamén un importante esgotamento estrutural do pavimento debido en parte á acción erosiva da filtración da auga no firme” engadiu Fausto Núñez.

A Axencia Galega de Infraestruturas é a encargada de executar este conxunto de reparacións estruturais e superficiais que permiten prolongar a vida útil do pavimento destas estradas. “Mediante reparacións puntuais e localizadas se busca diminuír a posibilidade dun deterioro exponencial do firme da calzada así como unha mellora importante na seguridade, nas actuais prestacións e na comodidade dos usuarios, permitindo a continuidade dos actuais itinerarios” explicou Cores Tourís.

O delegado territorial destacou a importancia destas obras de mellora da seguridade viaria, “xa que estamos a falar dunha estrada que soporta un importante número de vehículos ao día” na que “unha adecuada señalización e a sustitución de barreiras de seguridade eran necesarias” engadiu.

27 de xullo de 2015 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.