publicidade hoxe

Cores Tourís visita á nova alcaldesa do Concello de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+
Cores Tourís na reunión coa alcaldesa de Cambados

Cores Tourís na reunión coa alcaldesa de Cambados

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cambados dentro da rolda de visitas institucionais que iniciou cos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

O obxectivo destas visitas, como explicou Cores Tourís á nova rexedora de Cambados, Fátima Abal, “está a ser debater cos alcaldes e alcaldesas sobre a situación dos municipios e as súas inquietudes e proxectos para os próximos meses en relación a administración autonómica”.

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións como as necesidades no ámbito deportivo do municipio, coa necesidade de equipamento do novo pavillón do IES Ramón Cabanillas; a climatización da piscina municipal ou o mobiliario necesario para o novo centro de día do municipio.

O delegado territorial recordoulle a Fátima Abal a importancia de continuar a executar obras de mellora dos servizos e infraestruturas do municipio, insistindo en que “nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de Pontevedra”.

Deste xeito, Cores Tourís destacou a labor desenvolvida nos últimos anos polo presisdente da institución provincial, Rafael Louzán. “A súa dedicación e esforzo permitiu que entre as tres administracións –Xunta, Deputación e concellos- puxéramos en marcha importantes obras para os municipios de Pontevedra. Agardamos que a nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu o delegado territorial.

En relación ao concello de Cambados, Cores Tourís tamén tivo palabras de recordo e agradecemento ao anterior alcalde do municipio, Luis Aragunde, xa que foi o encargado de traballar para que a administración autonómica puxera en marcha numerosos proxectos neste concello, como o apoio á execución da ampliación do Hospital do Salnés e a construción da EDAR do Umia; a reversión do centro comarcal Exposalnés ao concello de Cambados; a construción da nave multiusos de Tragove; o avance nas tramitacións das concentracións parcelarias nas que se investiron nos últimos anos case 2 millóns de euros en Cambados, ou a execución do novo centro de día desta localidade no que a administración autonómica está a investir case 800.000 euros.

En relación ás infraestruturas, Cores Tourís insistiu en que a localidade do albariño contou nos últimos anos con importantes obras de mellora como a remodelación integral da avenida de Galicia, as obras de instalación de pluviais no Corvillón, a reconstrución da ponte de Vilariño ou a execución da senda verde de Castrelo. “Ademais, a aposta pola mellora das instalacións educativas do concello foi tamén unha realidade, con importantes obras como a reparación das cubertas dos CEIP San Tomé, Enrique Barreiro Piñeiro ou do Antonio Magariños”, engadiu o delegado territorial quen destacou que os traballos nos centros da localidade supuxeron un investimento de case un millón de euros dende a Consellería de Educación neste concello.

Finalmente, Cores Tourís recordou que nestes intres continúan en marcha proxectos como a remodelación da praza de abastos que permitirá recuperar “todo o mercado e o seu entorno”; o saneamento integral do saco de Fefiñáns, “que está a piques de rematar e no que se investiu máis dun millón de euros e que será complementado coa instalación das comportas”; ou a posta en marcha dun novo obradoiro de emprego, “nesta ocasión para menores de 25 anos”.

14 de xullo de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.