publicidade hoxe

Cores Tourís mantén un encontro co novo alcalde do Grove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+
Cores Tourís na reunión co alcalde do Grove

Cores Tourís na reunión co alcalde do Grove

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello do Grove dentro da rolda de visitas institucionais que está a realizar aos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

O obxectivo destas visitas, como explicou Cores Tourís ao rexedor do municipio, José Antonio Cacabelos, é “falar cos alcaldes e alcaldesas co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións como a necesidade de melloras en algúns puntos de impulsión relativos ao saneamento ou a conexión eléctrica para o novo pavillón deportivo da localidade. Tamén solicitou o novo alcalde a mediación de Cores Tourís para a celebración dunha xuntanza co presidente de Portos, José Juan Durán, e coa directora xeral de Turismo, Nava Castro. A maiores, tamén analizaron a situación do servizo de Emerxencias do municipio, destacando Cores Tourís que, por el momento, el convenio firmado coa Xunta segue vixente.

Pola súa banda, en relación a este municipio, o delegado territorial tamén tivo palabras de recordo e agradecemento ao anterior grupo de Goberno meco, “e ao seu alcalde Miguel Pérez”, xa que foi o encargado de traballar para que a administración autonómica puxera en marcha numerosos proxectos neste concello relativos a infraestruturas como o pavillón polideportivo Monte da Vila, a mellora da praza de abastos, a posta en marcha do plan de mellora de camiños rurais, ou a nova depuradora de augas residuais.

Finalmente, Cores Tourís fixo fincapé na importancia de continuar a executar obras de mellora dos servizos e infraestruturas do municipio, insistindo en que “nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de Pontevedra”.

“Quero destacar a labor desenvolvida polo presidente desta institución provincial durante os últimos anos, Rafael Louzán, que permitiu que entre as tres administracións puxéramos en marcha importantes obras para os concellos de Pontevedra. Agardamos que a nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu Cores Tourís.

15 de xullo de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.