publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Convócase unha nova edición do certame de poesía Xosé M. López Ardeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNegreira
A-
A+

O Concello de Negreira, coa colaboración das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ven de convocar unha nova edición, a cuarta, do Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, que foi presentada esta mañá no salón de plenos do concello coruñés.

Este premio constitúe “un estímulo importante para a creatividade e o desenvolvemento literario da nosa escrita”, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen tamén salientou o feito de que, “con cada convocatoria deste premio, o nome de Xosé M. López Ardeiro revive como poeta na lembranza das súas veciñas e veciños, no afecto que lle profesan todos aqueles que manteñen vivo o seu recordo a través da lectura dos seus libros e no talento dos que participan cada ano no certame”.

O secretario xeral tivo palabras de felicitación para a gañadora da terceira edición do certame, Andrea Porto, pola obra ‘Caleidoscopio’. “A pesar da súa xuventude –dixo– a autora do traballo premiado en 2014 xa conta con diversos recoñecementos literarios, polo que vai camiño de entrar con forza no panorama das nosas letras e estou seguro de que ha seguir realizando unha rica contribución á produción literaria actual galega”.

No acto tamén participarono alcalde e a concelleira de Cultura de Negreira, Jorge Tuñas e Flora Grille, respectivamente; Alexis López, fillo de Ardeiro; e mais Xosé Antonio Ponte Far, membro do xurado.

As persoas interesadas en participar nesta nova edición do certame teñen de prazo ata o vindeiro día 20 de novembro para presentar a súa obra, que deberán remitir á delegación de Cultura e Deportes de Negreira. Os textos deberán ser orixinais e inéditos, cunha extensión mínima de 350 versos e máxima de 700. A entrega de premios será o 18 de decembro de 2015, coincidindo co oitavo aniversario do pasamento de Xosé Manuel López Ardeiro.

A gañadora da terceira edición

Durante o acto de presentación tamén se lle fixo entrega a Andrea Porto do libro publicado coa súa obra. Nada en 1989 en Codeseda, no concello da Estrada, a autora de ‘Caleidoscopio’ xa tiña publicados os poemarios ‘Eco in aeternam’, Premio O Grelo en 2009 (Vilagarcía de Arousa) e ‘SaLGada’, Premio Avelina Valladares en 2010 (A Estrada), ademais de recibir diversos recoñecementos literarios nos Premios Minerva, Ánxel Casal e Varela Buxán, entre outros.

Para favorecer a escrita literaria en galego, concretamente no xénero da poesía, a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando con diversos certames de referencia no panorama literario galego, entres os que se inclúen o Premio de Poesía Afundación, o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Premio de Poesía Concello de Carral e o Premio de Poesía Gonzalo López Abente.

24 de xullo de 2015 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.