publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Constitúense 3 das 4 corporacións galegas pendentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisGaliciaLobiosLocal PortadaOrdesPortada dereitaTordoia
A-
A+
Europa Press

Tres das catro corporacións locais galegas que non se puideron constituír o pasado 13 de xuño -as coruñesas de Tordoia e Ordes, e a ourensá de Lobios- investiron aos seus alcaldes na mañá deste venres. Queda pendente a pontevedresa de Caldas de Reis, cuxa conformación está prevista para última hora desta tarde.

Unha vez constituídas estas tres corporacións locais que quedaran pendentes por diversos motivos, ábrese vía libre para que se conformen as deputacións da Coruña e Ourense. Este paso producirase unha vez que sexan elixidos os deputados provinciais e chegue a última acta ás institucións.

Dentro das deputacións barállase que a conformación dos seus plenos podería producirse en torno ao 13 de xullo, aínda que deberán chegar as actas para que os plenos sexan convocados de forma oficial. No caso da Coruña, o goberno provincial está pendente das negociacións de PSdeG e BNG.

A institución provincial ourensá, pola súa banda, será dirixida de novo polo popular Manuel Baltar, cuxo grupo mantén a maioría absoluta e quen deu a coñecer os deputados que lle acompañarán no mandato que arrincará unha vez se conforme o pleno.

Baltar avanzou unha renovación significativa ao cambiar nove dos 14 deputados que herdara do seu pai, José Luís Baltar, de mans de quen recibiu o bastón de mando da Deputación a principios de 2012.

CONSTITUCIÓN CON NORMALIDADE EN LOBIOS

Para a constitución da Deputación ourensá só restaba que se conformase a corporación local de Lobios, que se materializou no pleno que arrincou este venres ás 12,00 horas.

En declaracións, a alcaldesa, a popular María del Carmen Yáñez, explicou que a corporación -que integrarán seis edís do PP e cinco do PSOE- conformouse “con normalidade”, coa excepción de que os concelleiros da oposición presentaron as súas credenciais xusto antes de empezar o pleno.

No seu discurso, Yáñez agradeceu a “confianza” depositada polos veciños e comprometeu “un goberno para todos”. “Esperamos cumprir expectativas”, manifestou, antes de “tender a man” á oposición para traballar en beneficio da localidade deste mandato local.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o pasado 26 de xuño a denuncia de “fraude electoral” presentada polo PSOE de Lobios alegando que “non está a xurisdición contencioso-administrativa para ser utilizada ao servizo da crítica partidista ou de impresións subxectivas”.

O PSOE denunciara que nunha mesa apareceron máis papeletas (535) que votantes (533), polo que solicitou a repetición das eleccións. O alto tribunal recoñeceu que a diferenza entre os dous datos “é algo probado”, pero que se trataba “dunha anomalía non invalidante” segundo a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral.

SUBSTITUCIÓN EN ORDES

Na provincia da Coruña, no mediodía deste venres o concello de Ordes estreou novo alcalde, o popular José Luís Martínez, elixido co apoio dos sete integrantes do seu grupo, as catro abstencións de BNG e PSOE, e o rexeitamento dos seis membros de Unión por Ordes.

Precisamente foi o exrexedor independente de Unión por Ordes Manuel Regos o que presentara un contencioso ao non frutificar o recurso interposto ante a xunta electoral para que se anulase o reconto de dúas mesas, que non prosperou.

No seu discurso, o novo rexedor chamou a traballar para recuperar “a credibilidade” fronte á erosión que sofre a actividade política e comprometeuse coa “transparencia”. Tamén garantiu que o Concello terá as “portas abertas” para todos os veciños.

De feito, de acordo co prometido en campaña, sinalou que un membro do Consistorio estará, un sábado ao mes, a disposición dos veciños que non poidan acudir en día laborable. Ao tempo, garantiu que “cumprirá” o seu programa electoral coma se fose “un contrato”.

Ademais de chamar á oposición a colaborar nos asuntos de interese xeral, introduciu no seu discurso unha cita de Castelao: “Non lle poñades chatas á obra namentras no se remata. O que pense que vai mal que traballe n’ela; hai sitio para todos”.

A OPOSICIÓN NON TOMA POSESIÓN EN TORDOIA

Tamén na Coruña, en Tordoia, o popular Antonio Pereiro tomou posesión como alcalde no que será o seu quinto mandato á fronte do consistorio, tras a celebración da sesión constitutiva deste venres no salón de plenos do Consistorio.

Iso si, neste caso, a corporación local quedará conformada polo momento só polos oito concelleiros do PP, xa que non se tomou posesión de ningunha das actas da oposición, aínda que, segundo explicou o alcalde, poden facelo “en calquera momento dentro destes catro anos”.

O motivo deriva dun erro na transcrición das actas que, na parroquia de Bardaos outorgaron 103 votos do PSdeG ao BNG, o que supuña que os nacionalistas gañaban un edil en detrimento dos socialistas.

Pereiro explicou que o erro, admitido por todos os implicados, non foi detectado a tempo e, aínda que o PSOE presentou recurso, foi rexeitado por presentarse fóra de prazo.

Así, os socialistas Carlos García Vázquez e Tomás Castro trasladáronlle a súa intención de non tomar posesión -non acudiron á sesión- xa que están a estudar que accións legais adoptan tras o rexeitamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Á súa vez, a nacionalista Pilar García Pereiro tampouco tomou posesión, aínda que si acudiu. Pereiro expresou o seu apoio ao grupo socialista nesta reclamación para que se respecte “a vontade popular dos veciños”.

3 de xullo de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.