publicidade hoxe

Comeza a Semana do Mar na Pobra do Caramiñal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do Caramiñal
A-
A+
Presentación da Semana do Mar

Presentación da Semana do Mar

O luns, 27 de xullo, tivo lugar unha rolda de prensa na Sala de Xuntas do concello da Pobra do Caramiñal con motivo da celebración da Semana do Mar 2015, que se celebrará entre os días 29 de xullo e 6 de agosto. A ela asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, a concelleira de Turismo, Charo Varela, técnicos de Turismo do concello e representantes da empresa que vai desenvolver o mercado tradicional mariñeiro.

Para A Pobra, o mar é tradición, historia, traballo, gastronomía, medioambiente e precisamente tódalas actividades programadas xiran en torno a estes aspectos. Así, vai haber degustacións de produtos do mar en colaboración coa hostalería da vila, roteiros mariñeiros para coñecer A Pobra dende o mar, actividades con temáticas mariñas para os máis pequenos, diversos obradoiros (pesca con cana, obradoiro de nós mariñeiros), exposición de aparellos de pesca, un día dedicado ás actividades náuticas, limpeza de fondos mariños, demostración de radiocontrol e mesmo un campionato de pesca lixeira rockfishing.

Paralelamente, os días entre os días 31 de xullo e 2 de agosto, terá lugar un mercado mariñeiro tradicional que engalanará as rúas da vila. Haberá postos de artesanía, de comida, animación de rúa, personaxes itinerantes e mesmo se vai levar a cabo a forxa dunha áncora durante a feira que posteriormente será doada ao concello, tal e como explicou Daniel, representante da empresa encargada da organización da mesma.

Ademais, facendo fincapé no pasado mariñeiro da vila, vai haber unha exposición de fotografía antiga realizada con fondos do Museo Valle-Inclán,  titulada Estampas Mariñeiras. Terá lugar na Casa Mariñeira entre os días 31 de xullo e 16 de agosto.

Pero na Pobra, o mar tamén é arte e por iso se vai levar a cabo un certame de pintura rápida e técnica libre en diversos espazos da vila.

Así pois, dende o concello quérese convidar a pobrenses e visitantes a vivir e a implicarse na Semana do Mar 2015 e a desfrutar das moitas actividades que se ofrecen.  

29 de xullo de 2015 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.