publicidade hoxe

CEP apoia propostas de Aceba para comercio e servizos de Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaiona
A-
A+

Os presidentes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba) e da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Marcos Comesaña Chamorro e Jorge Cebreiros Arce, respectivamente, presentaron ao alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, as propostas da asociación baionesa para dinamizar o comercio e o sector servizos na vila.

Dedicaron especial atención á formulación de Aceba de dinamizar o aluguer das vivendas vacacionais durante o curso escolar aos universitarios, suxestión que entronca perfectamente coa aposta do Concello de Baiona polo transporte metropolitano.

“Hai un gran potencial na idea de ofrecer eses alugueres a estudantes da Universidade de Vigo. A inclusión de Baiona no plan de transporte metropolitano permite ofrecer vivendas de setembro a xuño a prezos competitivos, desestacionalizando o seu aluguer, o que contribuiría a aumentar a demanda de bens e servizos durante eses meses, evitando os picos da tempada estival”, explicou Marcos Comesaña. 

Pola súa banda, o presidente da CEP, ao que acompañaba o vicepresidente José Manuel Valenzuela Limiñana, valorou moi positivamente a participación de Aceba en Innovatur, iniciativa que permitiu aplicar innovacións tecnolóxicas ao sector turístico, e apostou por que o Concello que lidera Vázquez Almuiña continúe contribuíndo á implantación das novas tecnoloxías entre as pemes baionesas.

Valenzuela, vicepresidente de Territoriais da CEP, subliñou o valor das asociacións territoriais adscritas á Confederación, e manifestou a súa intención de darlles todo o apoio que precisen para levar adiante a súa actividade e visibilizar o seu labor, trasladando as súas inquietudes ás instancias correspondentes.

Cebreiros e Comesaña aproveitaron a recepción no Concello de Baiona para felicitar a Vázquez Almuiña pola súa reelección e puxéronse á súa disposición para colaborar en calquera proposta en beneficio das empresas baionesas.

14 de xullo de 2015 | 14:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.