publicidade hoxe

Cambre xa conta con desfibriladores nos campos de fútbol municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+
Visita ao campo de fútbol

Visita ao campo de fútbol

O Concello de Cambre procedeu á instalación de desfibriladores con obxecto de implantar sistemas de de vixilancia cardiovascular en instalacións municipais. Os desfibriladores foron situados nos campos municipais de fútbol de Lendoiro, Dani Mallo, e proximamente no campo dos Pinares, en Lema. Para iso, os traballadores das instalacións deportivas contan con cursos de formación para o seu uso, pero o concello ofrécelles a posibilidade de realizar un curso de reciclaxe. Hoxe o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e a edil de Deportes, Elisa Pestonit, desprazáronse até o campo municipal Dani Mallo para manter unha reunión informativa cos responsables dos seis clubs de fútbol de Cambre onde lles explicaron a localización, de que consta o material e da posibilidade de participar nun curso impartido polo propio concello para a correcta utilización destes desfibriladores. “Era unha demanda prioritaria que se instalasen estes equipos de reanimación nos campos de fútbol. Tiñamos desde hai dous anos os desfibriladores nun caixón, parece ser que á espera dunhas certificacións, e desde que cheguei ao goberno foi unha prioridade polos en marcha e colocalos nos campos de fútbol”, apuntou García Patiño, que instou hoxe na reunión cos representantes dos clubs a que se apunten aos cursos de formación dos desfibriladores.

Así, a intención do goberno local é ofrecer aos diferentes técnicos dos equipos de fútbol de Cambre a posibilidade e participar nun curso  impartido polo responsable de Protección Civil de Cambre, profesional acreditado para dar esta formación, o próximo mes de agosto.  Desta forma, todos os equipos de Cambre e os conserxes das instalacións deportivas poderán utilizar esta terapia sanitaria no caso de que suceda algún tipo de problema cardíaco.

A desfibrilación é un tipo de terapia que mediante a aplicación dun choque eléctrico de corrente continua  consegue reverter distintos trastornos do ritmo cardíaco. A súa alta eficacia, facilidade de aplicación e seguridade contribuíron á súa gran difusión,  podéndose aplicar sen persoal sanitario pero que conte coa formación adecuada.

24 de xullo de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.