publicidade hoxe

Atún, sardiñas e mexillóns para poñerlle as pilas ao bocata en Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+
Ponlle as pilas ao teu bocata en Ordes

Ponlle as pilas ao teu bocata en Ordes

Bocatas de sardiñas con tomate, atún con millo e leituga, mexillóns… Os nenos e nenas das escolas de verán organizada polo Concello de Ordes tiveron hoxe unha xornada no pavillón Campomaior na que o peixe foi o protagonista. Todo isto grazas á campaña ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’, levada a cabo pola Consellería de Medio Rural e do Mar. Así a media mañá todos degustaron un bocata cos ingredientes que eles mesmos decidiron. Pero non só os máis de corenta nenos e nenas da escola de verán deron conta del, senón que tamén se apuntaron tanto os monitores como Luis Caamaño Fraga, concelleiro de Deportes e Mocidade.

Ademais da Concellería de Mocidade de Ordes, na xornada de hoxe, na campaña colaboran tamén as Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a de Sanidade e ANFACO-CECOPESCA, para pór de relevo unha das múltiples virtudes das conservas de produtos do mar: o seu valor como fonte de enerxía. Unha enerxía asociada á forza, vitalidade, crecemento, pero tamén ao xogo e á diversión. Coa medida tamén se quere incidir na importancia de equilibrar as dietas alimenticias, fundamentalmente nas idades infantil e xuvenil, así como valorizar e fomentar os produtos da pesca e a acuicultura de Galicia. En definitiva preténdese ampliar coñecementos a través da información acerca dos produtos do mar, das conservas e acerca de todas as posibilidades que ofrecen tanto no ámbito alimentario, como didáctico e lúdico. A metodoloxía aplicada para tal fin pasa por xornadas didácticas e lúdicas nas que se mesturan o xogo, os obradoiros creativos e a degustación dos produtos.

31 de xullo de 2015 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.