publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As Comunidades de Montes de Mos, Porriño, Ponteareas e Salceda participan nun proxecto piloto de relacións coa administración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosO PorriñoPonteareasSalceda de Caselas
A-
A+
Reunión dos representantes das Comunidades de Montes

Reunión dos representantes das Comunidades de Montes

O mércores pola tarde reuníronse no Pazo de Mos o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común dos distritos de Vigo-Baixo Miño e do Condado-Paradanta. Deste xeito estiveron presentes as xuntas directivas das Comunidades de Montes mosenses de Louredo, Mos e Petelos; xunto coa Comunidade de Montes de Santa María de Porriño, Xinzo de Ponteareas, Ribadetea de Ponteareas, Arnoso de Ponteareas e Parderrubias de Salceda de Caselas.

A do mércores foi a segunda reunión do ano que o secretario xeral mantén cos comuneiros dos dous distritos, e a ela asistiron tamén os dous respectivos xefes de distrito. A xuntanza perseguiu o obxectivo de fomentar e reforzar a comunicación entre a administración autonómica e forestal e os xestores dos montes dos Concellos de Mos, Porriño, Ponteareas e Salceda de Caselas. 

Pola súa banda as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común solicitaron maiores facilidades en xeral e en particular á hora de xustificar subvencións e, así mesmo, trasladaron as súas problemáticas e inquedanzas que Tomás Fernández-Couto recolleu por escrito. Ademais o secretario xeral manifestou a súa preocupación polo risco de abandono no que se atopa o territorio forestal de Galicia e a urxencia de que este se recupere canto antes, polo que cómpre a mutua e máxima colaboración entre administracións e comuneiros. 

Durante a xuntanza programouse tamén unha próxima reunión coma a celebrada no Pazo de Mos, que terá lugar antes do remate do presente ano 2015. 

Proxecto piloto 

A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou a intención da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes de iniciar “un novo xeito de facer as cousas en materia de montes en man común, baseada nun maior entendemento, comunicación e flexibilidade dende a administración para cos comuneiros”. Deste modo a alcaldesa informa de que “as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común dos dous distritos de Vigo-Baixo Miño e do Condado-Paradanta serán protagonistas dun proxecto piloto co que se pretende axilizar, dinamizar e facilitar os trámites e comunicacións entre a administración autonómica e as Comunidades de Montes”. 

É por iso que Arévalo eloxiou “a cercanía e a entrega” do secretario xeral do Medio Rural e Montes, proximidade e accesibilidade que quedan demostradas co feito de que a de onte fose xa a segunda reunión do ano cos dous distritos implicados na mesma.

Por último a alcaldesa de Mos concluíu o encontro manifestando a súa intención de “interceder en favor das Comunidades de Montes de cara a evitarlles demoras de xestión debidas a problemas burocráticos”.   

31 de xullo de 2015 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.