publicidade hoxe

“Aledapa” e “Argallán” vencedores da XXVIII Regata Illas Sisargas XI Memorial Pucho Bermúdez de Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesMalpica de Bergantiños
A-
A+

O pasado fin de semana celebrouse a XXVIII REGATA ILLAS SISARGAS – XI MEMORIAL PUCHO BERMÚDEZ DE CASTRO para a clase Cruceiro, organizado polo Real Club Náutico da Coruña. Na xornada do sábado a proba Coruña – Malpica comezaba puntualmente cun vento frouxo do norte pero suficiente para navegar a boa velocidade.

 Esta primeira proba do sábado navegouse de forma “inversa”, os tempos compénsanse na saída, comezando os barcos máis lentos e en último lugar os máis veloces, desta forma a medida que avanza a proba a flota vaise comprimindo, até a chegada a Malpica, onde o primeiro en cruzar a liña de chegada será o vencedor. Con todo, nesta xornada o principal protagonista foi o vento, que unha vez pasado o ecuador da proba desaparecía case totalmente, retardando a chegada a Malpica. A partir dese momento a retirada de barcos, por non poder finalizar dentro do tempo límite, foi continua, até quedar 3 barcos en regata, o “Aledapa” de Carlos Ferreiro, “Vitoria” de Jesús Pintos e “Gómez” de Andrés Soto. Dos tres, o único que finalizou en tempo foi o “Aledapa”, resultando o vencedor da proba e único barco que conseguiu terminar. O seu armador e patrón, Carlos Ferreiro, mostrábase encantado coa vitoria, sobre todo porque era a primeira regata que navegaban con este barco.

Unha vez en terra celebrouse a recepción e entrega de trofeos organizada conxuntamente polo Club Náutico e Concello de Malpica, na que participaron o Presidente do RCN Coruña Germán Suárez-Pumariega, os concelleiros de Malpica Pili Doldán e Yago Espasandín, e o Presidente do CN Malpica, José Antonio Montes, que fixo entrega dunha grímpola do Club a Chuny Bermúdez de Castro recente vencedor da Volvo Ocean Race, que navegaba nesta regata.

Na xornada do domingo, cumpríronse os partes meteorolóxicos, con ventos frouxos do noroeste – norte e ceo despexado. Con puntualidade ás 12.00 horas dábase a saída en Malpica, coa flota navegando con spinnakers cara aos baixos de Baldayo, a “Losqueada” de Francisco Edreira e “Vitoria” de Jesús Pintos os máis pegados a terra. Cando os barcos navegaban ao través de Caión, parecía que o vento ía perder presión, pero a diferenza da xornada do sábado, aumentou, alcanzado os 11-13 nós, facendo que as tripulacións gozasen dun fantástico final de etapa.

O vencedor en tempo real (4 horas e media) e compensado sería a “Vitoria” de Jesús Pintos, por diante do “Gomez” de Andrés Soto e “Aledapa” de Carlos Ferreiro que finalizarían moi igualados. Na clasificación xeral, o vencedor con 4 puntos (1-3) foi o “Aledapa”, grazas sobre todo á vitoria do sábado. En segunda posición clasificaríase a “Vitoria” con 11 puntos (10-1) e en terceira posición o “Argos” de Ricardo Beltrán con 12 puntos (10-2), que volve estar totalmente en forma tras a rotura do seu mastro nesta mesma regata no 2014.

En categoría 3-4, ao non finalizar ningún barco a proba do sábado, comezaban de cero a regata desde Malpica, sendo un man a man entre o “Argallán” de Domingo Plana e o “Zóspiro” de Guillermo Branco, que entraron moi igualados en tempo real e por diante do resto de barcos da súa clase. O vencedor en tempo compensado resultaría o “Argallán” por diante do “Zóspiro” con 3 minutos de vantaxe, o terceiro clasificado resultaría o “Salao II” de David Rivero.

7 de xullo de 2015 | 14:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.