publicidade hoxe

AGA-Ferrol e a Casa do Mel de Goente eliminan en San Sadurniño catro niños de velutina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Apicultores da delegación de Ferrol da Asociación Galega de Apicultura e da Casa do Mel de Goente retiraron entre a noite do venres e a do luns catro niños de avespa velutina localizados en Ferreira, no Camiño Arriba e en Bardaos. Tres deles encontrábanse nas proximidades de vivendas -un incluso nunha fachada- mentres que o cuarto foi localizado entre os salgueiros que pechan un prado. Desde o Concello recoméndase vixiar o contorno na procura de niños e avisar ao 112 no caso de que se atope algún, xa que é a Xunta quen lle ten encargado á empresa Tragsatec o protocolo de actuación nestes casos que en grande parte están sendo atallados voluntariamente por entidades como AGA-Ferrol ou a Casa do Mel. 

Cando vexamos un avispeiro de velutina o primeiro que debemos facer é cerciorarnos de que efectivamente se trata desta especie e non dun niño de avespas autóctonas. É doado de saber: son avespas máis grandes, coa cabeza e o tórax practicamente negros e cunha grande banda amarela/alaranxada na parte final do abdome. Outro trazo característico son as patas, metade negras e metade amarelas. Eses son todos os datos que precisamos e tamén serán os que nos pregunten cando chamemos ao 112 para anotar o aviso como un caso confirmado de velutina.

Dicimos 112 e non 012 posto que nas últimas semanas tanto persoas relacionadas co mundo apícola como o propio Concello constataron que ese número facilitado pola Xunta, o 012, encóntrase saturado por momentos ou ben non responde. É por isto que se aconsella chamar ao número xenérico de Emerxencias de Galicia, o 112, desde o que han derivar a chamada a Tragsatec, a empresa encargada da xestión do protocolo de actuación contra a avespa velutina.

Nos últimos días as localizacións de niños estanse multiplicando. Unha circunstancia que retrasa aínda máis o tempo de resposta da administración autonómica. Sirva como exemplo os últimos casos que se produciron en San Sadurniño. Ao longo da semana pasada atopáronse colonias no Camiño Arriba, en Ferreira e en Bardaos. Cinco niños en total que, malia a alerta transmitida polo cauce oficial, aínda estaban sen retirar a inicios da fin de semana. Finalmente, o venres á noite un equipo da AGA-Ferrol fíxose cargo da destrución das colonias descubertas en Ferreira e no Camiño Arriba, a primeira nun galpón anexo a unha vivenda e a segunda situada na fachada dunha casa abandonada. 

Onte mesmo tocoulles aos niños atopados en Bardaos, un no valado dun pasteiro e outro na cumbreira do tellado dunha casa unifamiliar habitada. Nesta ocasión foron dous apicultores da Casa do Mel de Goente quen fixeron o traballo. Vestidos co equipamento específico -traxe acolchado con máscara e luvas protectoras-, conseguiron eliminar en poucos minutos as dúas colonias que, segundo parece, eran niños primarios a piques de ser abandonados para iniciar a construción dos secundarios. De feito, no interior dos avispeiros só había exemplares adultos que nada puideron facer contra unha rápida intervención na que se empregou un veleno en aerosol.

En todos os operativos tanto a AGA-Ferrol como a Casa do Mel de Goente actuaron pasadas as 23.00h. agardando a que a noite fose completamente pechada. E é que tal e como afirman os apicultores ese é o momento idóneo para eliminar os niños, xa que é cando hai máis garantías de que a colonia está toda xunta dentro do niño. A cuestión ten a súa importancia debido a que as avespas que queden fóra son capaces de rexerar unha nova colonia. Esa é, precisamente, unha das principais queixas dos abelleiros e abelleiras ao respecto do proceder de Tragsatec. Segundo denuncian, a empresa semipública só acode ás alertas de día, de maneira que a destrución dos niños ten moitas probabilidades de traer aparellada a multiplicación do problema cando o que se persegue é eliminalo de raíz.

14 de xullo de 2015 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.