publicidade hoxe

A Xunta pon en marcha as obras de mellora do firme da estrada OU-536

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra de TrivesOurenseOurense
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), iniciou esta semana a rehabilitación do firme da estrada Ourense- A Pobra de Trives (OU-536) desde Alto do Rodicio ata Sas de Penelas. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe do servizo de Infraestruturas (AXI), Marcos Buide, achegouse esta mañá ata o treito afectado para comprobar como se están a desenvolver esta actuación. Martínez lembrou que dende a AXI investíronse máis de 355.000 euros nestas obras, executadas mediante o contrato de conservación integral. Así, advertiu que esta mellora é necesaria para garantir unha circulación cómoda e segura dos usuarios.

A actuación levarase a cabo aproximadamente entre os puntos quilométricos 29+200 e 55+000 da estrada, nos concellos de Maceda, Montederramo, A Teixeira e Castro Caldelas. Este treito conta na actualidade cun pavimento asfáltico, que pola acción do tráfico e dos axentes atmosféricos foi perdendo a calidade de servizo esixida e presenta deformacións superficiais e irregularidades.

Nalgunhas zonas deste vial as condicións meteorolóxicas poden ser moi duras debido ao mal tempo en primavera, outono e, sobre todo, no inverno, provocando desprendementos. Por este motivo, as labores de mellora constitúen un factor determinante para garantir a seguridade dos usuarios desta estrada. Ademais, a OU-536 é un dos accesos principais dende a capital da provincia á Estación de Montaña de Manzaneda, a única de Galicia, que ofrece alternativas de lecer durante todo o ano.

Os traballos previstos consistirán na extensión dun microaglomerado nos treitos que o precisen, os cales suman unha superficie total de 157.000 metros cadrados. O microaglomerado vaise extender en ambos os dous carrís, traballando primeiro nun e de seguido no outro, polo que se procederá a realizar cortes puntuais no carril que se estea a traballar en cada momento.

Estas labores permitirán eliminar as fisuras existentes e aumentar a adherencia da capa de rodadura. Dende a Administración Autonómica buscase así mellorar as características superficiais do firme e prolongar a vida útil desta infraestrutura.

As obras terán unha duración aproximada de mes e medio, sempre que as condicións climatolóxicas sexan as propias desta época do ano, polo que quedarán rematadas no mes de agosto.

Rogelio Martínez asegurou que “unha das prioridades da Xunta de Galicia é a conservación das estradas das que é titular. Neste sentido, no pasado exercicio mobilizáronse arredor de 306 millóns de euros en obras e contratos de servizo. A maior parte deste investimento dirixiuse a actuacións de conservación e seguridade viaria, ás que se destinaron preto de 190 millóns de euros, un 62% do total dos contratos de obra que se realizaron en 2014”.

8 de xullo de 2015 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.