publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta inviste máis de 110.000 euros no acondicionamento dunha estrada de Rois

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRois
A-
A+
Belén do Campo na visita a Rois

Belén do Campo na visita a Rois

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá Rois para supervisar, xunto co alcalde, Ramón Tojo, e o xefe territorial de Medio Rural, Enrique Salvador, o resultado das obras de acondicionamento dun camiño de titularidade municipal realizadas ao abeiro dos fondos do Plan marco de mellora de camiños rurais correspondente ao exercicio 2014-2015, impulsado pola Consellería do Medio Rural e do Mar. Así, o concello dispuxo dunha achega de 112.064 euros para levar a cabo esta actuación.

Os traballos serviron para mellorar a estrada que une Lamego coa vía de enlace da N-550 á AC-301. As actuacións consistiron na limpeza das cunetas, no acondicionamento do pavimento, o pintado de bandas laterais, o levantamento de trece tapas e arquetas ata a cota actual e a escavación dunha gabia para colocar 50 metros de tubaxe de PVC. En total, traballouse sobre preto de 2,5 quilómetros de vía municipal, que mellora significativamente a vertebración deste territorio.

Segundo coincidiron Do Campo e Tojo, o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

A máxima representante do Goberno galego na provincia tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Rois. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á primeira edil “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

27 de xullo de 2015 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.