publicidade hoxe

A Xunta inviste 90.000 euros na mellora dos camiños rurais en Porto do Son

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPorto do Son
A-
A+
Belén do Campo en Porto do Son

Belén do Campo en Porto do Son

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá Porto do Son para supervisar, xunto co alcalde da localidade, Luís Oujo, o proxecto de reparación de varios camiños rurais que se está a levar a cabo no concello. Trátase dunha actuación enmarcada dentro do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal correspondente ao exercicio 2014-2015, impulsado pola Consellería do Medio Rural e do Mar. Deste xeito, o concello dispón dunha achega de 91.120 euros para realizar estas intervencións.

Os traballos, que se están a acometer nas dez parroquias do municipio –Miñortos, Goiáns, Nebra, Noal, Baroña, Queiruga, Ribasieira, Caamaño, Xuño e Muro–, consisten na limpeza e perfilado de noiros e cunetas. En total, esta actuación cobre unha lonxitude que supera os 90 quilómetros de pistas de carácter municipal.

Do Campo apuntou que o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo intervencións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

A delegada territorial tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Porto do Son. Neste senso, amosouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”.

23 de xullo de 2015 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.