publicidade hoxe

A Xunta impulsa o peche do convenio cos concellos de Santiago e Teo para garantir o servizo de transporte urbano nos Tilos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de CompostelaTeo
A-
A+

A Xunta de Galicia está a impulsar o peche do convenio cos concellos de Santiago e Teo destinado a garantir o servizo de transporte público urbano no barrio dos Tilos. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, mantivo esta mañá unha reunión cos concelleiros de transporte de ambos os municipios co obxectivo de analizar o borrador do convenio que debe ser ratificado polas Administracións locais para a súa posterior sinatura.

Na reunión celebrada esta mañá, as tres partes acordaron retomar os traballos, moi avanzados na anterior lexislatura municipal, para incluír no texto as últimas consideracións dos técnicos de Santiago e axilizar os trámites necesarios para asinar este acordo o antes posible,

A directora xeral salientou que deste xeito, asegúrase a continuidade dun servizo moi demandado pola veciñanza dos Tilos, no municipio de Teo, que presenta altas taxas de ocupación e que se ofrece cun volume de frecuencias e de penetración urbana equivalentes ás do transporte urbano da cidade.

Este convenio seguiría o modelo do asinado o pasado mes de abril entre a Xunta de Galicia e os concellos da Coruña e Arteixo, que fai posible que o autobús urbano da cidade herculina preste servizo aos veciños do núcleo de Meicende, situado no municipio veciño.

Esta opción é xuridicamente posible ao amparo da Lei 14/2013, do de 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que permite que, excepcionalmente, mediante convenios específios, se estenda servizos urbanos fóra do termo municipal.

7 de xullo de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.