publicidade hoxe

A Xunta destina máis de 115.000 euros a unha senda peonil nun tramo da estrada AC-542

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Carral, onde anunciou a construción dunha senda peonil nun tramo da estrada AC-542 ao seu paso polo lugar das Travesas. Trátase duns traballos que veñen de ser licitados no Diario Oficial de Galicia (DOG). Durante a súa estancia no municipio, na que estivo acompañada polo alcalde, José Luis Fernández Mouriño, Do Campo sinalou que “as obras contan cun orzamento de 115.499 euros e desenvolveranse entre os puntos quilométricos 18+000 e 18+580 da estrada”.

Deste xeito, executarase a construción dunha senda transitable pola marxe dereita da calzada, e realizaranse actuacións complementarias adaptadas ás necesidades derivadas dos traballos. Así, dispoñeranse colectores e sumidoiros para dar continuidade á rede de drenaxe existente no tramo, procederase ao fresado das marcas viarias e ao seu posterior pintado e aplicarase pavimento de asfalto con cor, co fin de diferenciar a zona de circulación peonil e evitar interferencias entre os viandantes e os vehículos que estacionan neste treito. Ademais, debido a un estreitamento da vía, colocaranse as sinais de advertencia pertinentes nos extremos do tramo, así como as sinais informativas de coincidencia do mesmo co Camiño de Santiago.

Tal e como sinalou a delegada, unha vez se adxudique o proxecto, o seu prazo de execución será de tres meses. Cos traballos que se levarán a cabo na AC-542, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), incrementará a seguridade da vía, reducindo os sinistros e facilitando os desprazamentos a pé, coa finalidade de “favorecer un desenvolvemento económico e social que proporcione unha maior calidade de vida aos veciños e veciñas do entorno”, concluíu Do Campo.

Na imaxe da Xunta amósase a zona de actuación.

6 de xullo de 2015 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.