publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destina 130.000 euros á realización de obras de mellora en varios centros educativos da comarca de Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAranga
A-
A+
Belén do Campo na visita ao centro educativo

Belén do Campo na visita ao centro educativo

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da Castellana, no concello de Aranga, para supervisar o avance das obras de mellora e acondicionamento que se están a levar a cabo desde hai uns días por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Tamén se realizarán traballos deste tipo noutros centros educativos da comarca. No CPI Castro Baxoi de Miño, as obras xa se atopan en execución, mentres que no CEIP Francisco Vales Villamarín e no IES As Mariñas, ambos de Betanzos, os traballos levaranse a cabo durante o mes de agosto. O investimento total para todos os centros é de 129.005 euros.

Do Campo percorreu as dependencias educativas acompañada polo alcalde de Aranga, Alberto Platas, o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e o director do centro, José Luis Pico. A delegada territorial destacou que estas actuacións nos centros educativos da comarca de Betanzos inclúense no paquete de intervencións programado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos da provincia para o comezo do vindeiro curso.

Nas instalacións de Aranga, as obras están a consistir na instalación dun salvaescaleiras co obxectivo de eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar a accesibilidade do centro, mentres que no CPI Castro Baxoi, estase habilitar un novo salón de actos nun espazo, ata o momento desocupado, que era usado en ocasións como almacén. Pola súa parte, os traballos programados para o CEIP Vales Villamarín son a instalación dunha rampla de entrada na parte traseira do edificio e a creación dunha área de xogos para dar servizo ás aulas de infantil postas en funcionamento o curso pasado. Por último, no IES As Mariñas reformarase a instalación eléctrica do centro e colocarase un novo cadro eléctrico xeral co fin de garantir a seguridade.

Segundo explicou a máxima representante do Goberno galego na provincia, decidiuse acometer a execución destes traballos durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica. As previsións dos técnicos do departamento autonómico indican que as intervencións programadas nos concellos de Aranga e Miño remataranse ao longo deste mes, mentres que as do concello de Betanzos estarán rematadas antes do inicio do curso escolar.

Con estas actuacións, a Xunta está a “dar resposta ás necesidades educativas detectadas no municipio, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas de cada centro, coas que se consensuaron estas medidas”, indicou Do Campo. Na mesma liña, subliñou que o “Executivo autonómico traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo de mestres e alumnos”.

1 de xullo de 2015 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.