publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta anuncia a apertura dun expediente informativo para clarexar responsabilidades no episodio de contaminación da auga en Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresFeneFerrolGaliciaLocal PortadaMugardosNarónPortada dereitaSucesos
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de anunciar a apertura dun expediente informativo para dirimir as responsabilidades correspondentes e revisar os protocolos internos e todas as actuacións desenvolvidas tras o episodio de contaminación da auga para o consumo humano que afectou aos concellos de Ferrol, Ares, Fene, Mugardos e Narón, así como para garantir que non volva a producirse un fallo na cadea de responsabilidade como o acaecido.

Así o trasladou a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, que esta mañá mantivo unha xuntanza, nas instalacións do edificio administrativo do Goberno galego en Ferrol, cos alcaldes dos municipios de Ferrolterra afectados estes días pasados polas restricións do subministro de auga.

Ademais de comunicarse a apertura do expediente, na reunión Augas de Galicia instou á empresa xestora, EMAFESA, a elaborar un plan de limpeza da rede de distribución e subministro de auga para consumo humano, que deberá contar con prazos concretos e que se someterá a seguimento. Do mesmo xeito, requiriulle a instalación de puntos de control da calidade da auga na propia estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ferrol.

Do mesmo xeito, deuse conta neste encontro das accións levadas a cabo nos últimos días por parte da Xunta, que mantivo a colaboración permanente cos concellos a través da Consellería de Sanidade, da de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, e da Vicepresidencia. Así pois, cabe destacar que a Axencia de Emerxencias de Galicia (Axega) mantivo o contacto continuado cos corpos de Protección Civil de cada concello para garantir a cobertura de todas as necesidades que lles puideran xurdir e a correcta atención aos veciños e veciñas afectados.

Na xuntanza analizouse tamén polo miúdo o dato das últimas analíticas que levou a cabo, de xeito extraordinario, Sanidade. Estes xa foran remitidos onte á tarde polo Laboratorio de Saúde Pública de Galicia e seguidamente comunicados por fax, correo electrónico e telefonicamente aos alcaldes afectados de Ferrolterra. Estes últimos resultados permitiron á consellería recomendar ao concello de Ferrol o levantamento das restricións no consumo humano da auga da billa.

Tras comunicalo aos concellos como autoridades competentes, a Consellería de Sanidade tamén publicou o dato na súa páxina web. Pódese consultar a comunicación da xefatura territorial neste enderezo.

Protocolo consensuado entre o Ministerio de Sanidad e as CCAA

Belén do Campo deixou explicou durante a reunión que a toma de mostras para a realización das analíticas da agua levouse a cabo de forma rigorosa, seguindo as indicacións do Programa de Vixilancia Sanitaria de Auga de Consumo Humano, consensuado entre o Ministerio de Sanidad e todas as Comunidades Autónomas e, por tanto, aplicando un criterio único e válido para todo o territorio nacional.

Apta

Con isto, a Xunta dá por pechado o problema da calidade do subministro de auga apta para o consumo humano aos Concellos de Ferrol, Mugardos, Ares, Fene e Narón, polo que estes concellos quedan coa xestión, dado que é a súa responsabilidade como autoridades responsables do subministro de auga de consumo humano á súa cidadanía. A Consellería de Sanidade, pola súa parte, informa de que continuará co seu programa habitual de vixilancia e control sanitario da auga de consumo humano.

20 de xullo de 2015 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.