publicidade hoxe

A proba deportiva Tripla Coroa Illas Atlánticas preséntase como unha oportunidade para pór en valor o parque nacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación da proba

Presentación da proba

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado participou hoxe na rolda de prensa da presentación dunha nova iniciativa sustentable no marco do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Tripla Coroa Illas Atlánticas, que consiste en percorrer 57 quilómetros a nado en tres fases. Esta proba de natación, que organiza Atlantic Extreme Sports, permitirá desfrutar dos recursos cos que conta este espazo protexido.

Esta competición, que se desenvolverá en tres fases nos tres vindeiros anos, ten como obxectivo mesturar a práctica de deporte co desfrute da natureza. Neste primeiro ano, o 5 de setembro, levarase a cabo un percorrido de 13 km desde a Illa de Ons á Praia de Silgar, no concello pontevedrés de Sanxenxo. A segunda fase, o vindeiro ano, terá un percorrido algo máis longo, 16 quilómetros, e unirá as Illas Cíes con Praia América en Nigrán.

Por último, en 2017, culminará a Tripla Coroa Illas Atlánticas cun percorrido desde a Illa de Sálvora ata as Praias de Vilagarcía de Arousa, un traxecto de máis de 28 quilómetros, que a converte na competición de natación no mar máis dura de Europa. Destacar tamén que mentres os participantes están na competición, os seus familiares poderán visitar as illas con guías.

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, que presidiu a presentación desta proba, lembrou que esta acción levase a cabo nun momento no que se está a piques de certificar o parque coa carta europea de turismo sustentable que outorga a fundación EUROPARC, grazas a un traballo cun dobre obxectivo: o desenvolvemento de actividades sustentables e compatibles coa conservación e que supoñan ademais unha promoción das empresas locais; e a desestacionalización das visitas, o que significa minimizar a presión do uso público.

Tellado subliñou que a Tripla Coroa así como outras probas que se están a desenvolver, como a Carreira pedestre na Illa de Ons, son actividades que cumpren con ambos obxectivos.

A responsable de Conservación da Natureza na Xunta de Galicia recalcou que o medio mariño é o principal valor do Parque Nacional, un dos que fundamentou a súa declaración, e o ecosistema que mellor se conserva no seu territorio. Así, a Consellería de Medio Ambiente comprométese con este tipo actividades co fin de poñer en valor e dar a coñecer os tesouros que agocha o parque, o que é posible grazas a iniciativas como a que se presenta no día de hoxe.

O embarque dos participantes cara a Illa de Ons realizarase ás 08:00 horas desde peirao situado ao lado do Real Clube Náutico de Sanxenxo. A organización establecerá distintos grupos segundo ol nivel dos participantes. E os nadadores que non cheguen á altura de Punta Seame (9 km) pasadas 5 horas desde que saíron de Ons subirán ás embarcacións de apoio.

Parque Nacional Marítimo-Terrestre

Cabe destacar que este espazo natural, xunto co Arquipélago de Cabrera no Mediterráneo, é un dos dous únicos Parques Nacionais Marítimo-Terrestres declarados na actualidade. E nel, o mar ten un papel fundamental, posto que aproximadamente o 85% da superficie protexida corresponde ao dominio do océano e dos valiosos fondos que esconde.

Ademais estes fondos mariños son unha das principais razóns que motivaron a declaración destas illas como parque nacional no ano 2002. Catro arquipélagos, Ons, Cíes, Sálvora e Cortegada nos concellos de Bueu, Vigo, Ribeira e Vilagarcía de Arousa que se estenden por unha superficie de máis de 8.300 ha das que aproximadamente 7.300 son mariñas.

O medio mariño non só destaca polos seus valores e a súa representatividade sobre o terrestre, senón que tamén exerce unha grande influencia sobre este. A pesar dos factores que as ameazan, nestes terreos encontramos comunidades en moi bo estado de conservación, podendo manifestar que os ecosistemas submarinos son os de maior valor do Parque.

A zona mariña das Illas Atlánticas presenta un elevado valor ecolóxico e un grande atractivo tanto polas súas paisaxes mergulladas que aquí se poden encontrar como pola súa riqueza en fauna e flora. A biodiversidade que caracteriza este medio mariño é consecuencia das súas particulares condicións oceanográficas e dos múltiples hábitats que nel se atopan, que crean unhas condicións idóneas para o asentamento e desenvolvemento dunha gran variedade de comunidades representativas dos fondos atlánticos galegos.

30 de xullo de 2015 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.