publicidade hoxe

A Praia das Catedrais recibe máis de 13.000 visitantes na primeira semana de regulación do acceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

A Praia das Catedrais recibiu un total de 13.011 persoas durante a primeira semana de funcionamento do sistema de regulación do acceso previsto no Plan de conservación do Monumento Natural. De acordo cos datos rexistrados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, unha ampla maioría dos visitantes, o 73%, dispoñían dunha autorización previa para acceder a este espazo protexido situado no concello de Ribadeo.

De acordo co sistema de ordenación previsto, durante os meses de xullo, agosto e setembro e na Semana Santa, poden acceder ao Monumento Natural un máximo de 4.812 persoas cada día. Os interesados en facelo poden conseguir o seu pase a través da plataforma web https://ascatedrais.xunta.es e poden acceder directamente acreditando que pernoctaron nun establecemento de Ribadeo ou accedendo directamente ao areal presentando o billete de autobús.

Neste período (desde o 1 de xullo) o día de maior afluencia foi o sábado 4 de xullo, con 2.439 persoas, no que a porcentaxe de autorizacións previas situouse no 79%, tan só superado polo dato rexistrado no primeiro día de aplicación do sistema de regulación, no que esta porcentaxe alcanzou o 81%.

Cabe salientar que as medidas previstas para o fomento do transporte colectivo tamén están a resultar efectivas, dado que os usuarios do autobús procedente de Ribadeo poden acceder ao Monumento Natural só presentando o billete. Unhas 165 persoas ao día poden beneficiarse deste sistema a través dun dos tres servizos de ida e volta que presta cada xornada a empresa Eocar de acordo co horario das mareas.

En relación aos visitantes que accederon ao Monumento Natural acreditando ter pernoctado nalgún establecemento de Ribadeo, as cifras ascenden a un total de 526 persoas -129 no sábado 4 de xullo-. Estas persoas beneficiáronse dunha medida específica encamiñada a favorecer a economía local e promover un turismo sustentable.

Autorización sinxela e gratuíta

Cómpre lembrar que o sistema de acceso previsto consiste simplemente na obtención dunha autorización gratuíta, que pode descargarse a través da aplicación web https://ascatedrais.xunta.es, e que ademais lle dá cumprida información do horario das mareas para cada día (recoméndase visitar o monumento desde dúas horas antes da marea baixa e ata dúas horas despois), como o número de autorizacións dispoñibles para cada día.

Nos próximos días realizaranse cambios na web de reservas co obxectivo de responder ás necesidades das axencias de viaxes, que poderán acceder a través de usuarios personalizados e reservar autorizacións con ata 3 meses de antelación e para un máximo de 70 persoas por solicitude.

Así mesmo, e de cara ao público en xeral, os días dispoñibles para facer as solicitudes ampliaranse de 15 a 30 para favorecer aínda máis a planificación da viaxe.

Con estas actuacións a Xunta cumpre co seu compromiso de conservar o espazo protexido ordenando o acceso, dado o importante impacto que estaba a supoñer unha afluencia masiva de visitantes de forma desordenada e moi concentrada no tempo. Estas medidas tamén redundan na posta en valor do espazo e na desestacionalización cunha clara aposta pola economía local e comarcal, tal e como establece o recentemente aprobado Plan de conservación.

8 de xullo de 2015 | 21:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.