publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A nova caldeira de biomasa de Portomarín permitirá aforrar 10.000 euros anuais en combustible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortomarín
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Portomarín a nova caldeira de biomasa instalada no Concello, que permitirá aforrar 10.000 euros anuais en combustible. O novo equipamento, que presta servizo de forma centralizada a tres edificios municipais mediante un novidoso sistema de district heating, supuxo un investimento de preto de 94.000 euros, cunha achega do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) de preto do 80%.

Tal e como subliñou o conselleiro, quen destacou os importantes beneficios económicos e ambientais desta instalación, o apoio ao desenvolvemento deste tipo de iniciativas enmárcase na Estratexia Integral de Impulso da Biomasa, “unha enerxía na que Galicia ten unha vantaxe competitiva moi clara”. Esta Estratexia ten entre os seus obxectivos configurar unha industria xeradora de riqueza e emprego no rural poñendo en valor o monte galego.

Conde, que subliñou a cooperación como a mellor vía para poñer en marcha proxectos que benefician de forma directa á cidadanía e ao tecido económico local, visitou tamén as melloras realizadas no edificio da praza de abastos acompañado polo alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano.

Cun investimento conxunto de preto de 150.000 euros, dos cales a Xunta achega o 75%, as renovadas instalacións municipais permitirán acoller novas iniciativas comerciais e empresariais, contribuíndo así á dinamización económica de Portomarín, dándolle tamén “unha oportunidade aos mozos para que poidan desenvolver novas actividades”, e iniciativas “que se poidan vincular tamén coa atención ao Camiño de Santiago, que ten unha presenza moi importante nesta vila”.

Neste sentido, as diferentes iniciativas en colaboración co concello e os diferentes programas de apoio empresarial da Consellería de Economía e Industria teñen posibilitado nos últimos anos a posta en marcha de actuacións que suman máis de 1,2 millóns de euros, entre investimentos públicos e privados.

16 de xullo de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.