publicidade hoxe

A IV Feira Corazón da Artesanía suporá un novo impulso ao sector e á posta en valor dos Pendellos de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal Portada
A-
A+
Francisco Conde na visita aos Pendellos de Agolada

Francisco Conde na visita aos Pendellos de Agolada

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inauguraron hoxe o Corazón da Artesanía. IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, no que ata o domingo poderá verse o traballo de 50 artesáns de toda Galicia, nun completo programa no que as demostracións en vivo de oficios, a música e a gastronomía volven encher de vida o conxunto histórico-artístico dos Pendellos, no que os visitantes poderán mesmo iniciarse co torno e a cestería ou participar na elaboración dunha peza colectiva de patchwork.

O conselleiro de Economía destacou na súa intervención que esta nova edición da cita que se ten consolidado como a cita anual de referencia da Artesanía de Galicia “suporá un novo impulso ao sector e á dinamización económica dos Pendellos e Agolada”. Do mesmo xeito, lembrou o obxectivo da Xunta de seguir afianzando a competitividade do sector artesán galego, impulsando a internacionalización, apostando pola innovación e a colaboración con outras disciplinas, e a incorporación do comercio electrónico, no que xa venden un 20% dos artesáns galegos.

Conde, que sinalou que unha das novidades deste ano de Corazón da Artesanía é a ampliación das actividades para que os nenos e as nenas poidan iniciarse na artesanía, incidiu na importancia de avanzar no relevo xeracional nos oficios artesanais. Así, lembrou proxectos como Enredando, artesanía na escola, no que participaron este ano 2.500 nenos e nenas de toda Galicia, ou Facemos marca. Medrando cos artesáns, que contempla diferentes accións para atraer novos profesionais ao sector. Ademais, destacou que nos dous últimos anos aumentaron en preto dun 15% o número de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Recordou así mesmo o conselleiro de Economía e Industria que para seguir abrindo oportunidades de negocio para os artesáns galegos visitará a partir de mañá Os Pendellos o xefe de compras da empresa HP France, con 90 tendas en Xapón e presenza en Estados Unidos e Francia.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, situou aos Pendellos como “un referente da cultura e da forma de vida tradicional galegas” no que se refire ás prácticas e usos levados a cabo neles. “Son, pois, parte do noso patrimonio cultural”, subliñou Román Rodríguez, quen destacou o traballo conxunto entre administracións para rehabilitar ditos inmobles e volver a darlles utilidade, reflectida agora nesta feira.

Programa para todos os públicos

No encontro Corazón da Artesanía, organizado pola Consellería de Economía e Industria, tradición e vangarda van da man. O programa inclúe tanto exposición e venda de produtos artesanais e demostracións en vivo de oficios como showcookings de cociñeiros do grupo nove, degustacións e venda de produtos gastronómicos, con máis de 40 postos, workshops, presentacións de proxectos relacionados coa artesanía, conversas con artesáns de referencia, exposicións, actuacións musicais e talleres participativos de artesanía para o público infantil e adulto.

O programa inclúe hoxe a presentación do proxecto Centro do viño, eixo dinamizador do enoturismo na Ribeira Sacra, e conversas con Idoia Cuesta, premio nacional de Artesanía 2014 na categoría Produto, e Manuel González, presidente da Asociación Galega de Artesáns, que presentará a APP das Rutas de Artesanía de Galicia, premiada tamén nos Premios Nacionais, na categoría Promociona para Entidades Públicas. Ás oito da tarde está previsto o primeiro dos showcookings desta edición, a cargo da cociñeira Lucía Freitas do restaurante A Tafona de Santiago de Compostela, para rematar ás 22 horas co concerto de Guadi Galego.

O programa para mañá comezará ás 11:30 coa iniciativa “Coas mans da experiencia”, na que tres veteranos de referencia do sector artesán galego, o cesteiro Antonio Suárez, de Vigo, o zoqueiro Alfonso Ferro, de Vila de Cruces e o oleiro Aparicio Añón, de Malpica conversarán sobre os seus máis de 40 anos de traxectoria no sector.

No marco da iniciativa Artesanía no prato, na que se aposta pola introdución de pezas de Artesanía de Galicia na gastronomía, o chef do restaurante España de Lugo Héctor López ofrecerá dous showcookings ás 13:30 horas e ás 15 horas, mentres que ás 20:00 horas será o turno de Alberto G. Prelcic, do restaurante Silabario de Tui. Ademais, o deseñador Martín Azúa presentará ás 19:30 o proxecto Food Line, como punto de partida para a elaboración dunha liña gourmet de produto artesán galego.

Ademais, ás 17 horas presentarase o II certame de cantería Vento de Pedra, de Cabana de Bergantiños, e ás 17:30 será a presentación do proxecto da Consellería de Economía e Industria Facemos Marca, na que participará Luis González Bahamonde, xerente de Ardentía. Xa ás 18:30 horas Media Lúa e o deseñador Manuel García Torres falarán sobre a iniciativa Nossiss Glasses, na que colaboran para a elaboración de monturas de gafas artesanais en coiro.

As actuacións musicais do sábado correrán a cargo da Banda Municipal de Agolada, que actuará ás 13 horas, e de Odaiko& A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, que actuarán a partir das 21 horas.

3 de xullo de 2015 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.