publicidade hoxe

A Consellería de Educación amplía dúas aulas do CPI de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Obras no CPI San Sadurniño

Obras no CPI San Sadurniño

O colexio de San Sadurniño está en obras durante estes días. Ás propias de mantemento do centro que se desenvolven durante o verán para telo listo en setembro únenselle neste caso as de ampliación de dúas aulas de infantil para axeitalas aos ratios de ocupación que recomenda a normativa educativa. As obras foran demandadas en repetidas ocasións pola comunidade escolar e polo Concello -mesmo cun acordo plenario-, que xa en 2014 denunciaran problemas de espazo nos cursos das nenas e nenos máis pequenos.

As obras de ampliación desenvólvense no baixo do centro e teñen por obxectivo unir pola parte inferior dous dos módulos frontais do edificio. Explicado doutra maneira, onde había dúas aulas separadas por un grande oco ao aire libre agora vai haber unha grande sala que se dividirá á súa vez en dúas aulas de maior tamaño e, ademais, dotadas de servizos.

A obra xa lla solicitaran á Xunta a dirección do centro e os pais e nais o ano pasado por estas datas ante a previsión de que se producisen problemas de saturación nos cursos iniciais por mor do elevado número de matrículas. Daquela houbera un compromiso verbal por parte da consellería de Educación de ampliar o espazo durante o verán. Porén, chegado setembro, as obras non se fixeran e o curso arrancou con 26 nenos e nenas de 5º de educación infantil compartindo unha aula de 40 metros cadrados, cun espazo por criatura moi por baixo do establecido na normativa educativa.

O pleno municipal aliñouse daquela coas demandas do equipo educativo e da ANPA esixíndolle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenanción universitaria medios e solucións para que o centro puidese atender a demanda de escolarización infantil existente naquel momento e a que puidese haber no futuro. Neste sentido, representantes do goberno local, dos pais e nais e o director do colexio reuníronse en marzo pasado co xefe territorial de Educación e volveron poñerlle enriba da mesa a necesidade de máis espazo para os cursos iniciais. 

A xuntanza saldouse cun novo compromiso por parte da administración autonómica que, desta vez, si se está materializando. De feito a empresa construtora DAYLU iniciou hai escasos días uns traballos que contan deixar listos para primeiros de setembro. Este ano incorpóranse en 4º de infantil 20 nenos e nenas -procedentes moitos deles da EIM A Rolada- e o alumnado que o ano pasado estaba en 5º -onde había unha maior saturación- poderá gozar no novo curso -6º xa- dun espazo axeitado ás súas necesidades educativas.

29 de xullo de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.