publicidade hoxe

A Banda Musical Chotokoeu actúa en Cambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O vindeiro  18 de xullo, ás 20.30,o Auditorio do Parque da Igrexa acollerá a actuación da Banda Musical Chotokoeu. O potente directo de Chotokoeu convérteos nun dos poucos grupos galegos con capacidade de arrasar en Europa, despois de 5 anos e máis de 300 concertos ás súas costas. Balkan, Rock, Swing e Drum&Bass para que estoure a festa, con temas en galego, castelán, italiano e inglés. O grupo (Marta, Willy, Manute, Davizín, Carlos, Brais e Rubén) foi evolucionando até a dedicación exclusiva á música, e o seu espírito innovador e activo quedou demostrado na organización de eventos colaborativos como Noites de Luz, Caravana de Emerxencias ou Festival Vibra Balboa, en harmonía co seu estilo de vida: nun ámbito natural, para traballar na súa música, e dinamizar ao tempo zonas rurais case despoboadas de xente nova.

No 2009 gañaron o concurso Galiza Crea, e seguiron a súa andaina por festivais coma o de Pardiñas, Millo Verde, Reperkusion… Xa en  febreiro do 2012 demostran a súa nova aposta na Sala Capitol en Compostela con La Pegatina, e de aí sae a primeira xira europea: Alemaña, Bélxica, Holanda, Inglaterra e Italia, festivais tan destacados coma o “Fusion Festival” en Alemaña ou o “Irie Vibes” en Bélxica… No 2013 chegou o seu álbum de debut, Chotokoeu, que presentan por festivais de toda Galicia (A Rebusca, Antrospinos, Rebumbio, Castelo Rock, etc.) por salas e festivais europeos (entre outros, no Kokopelli e Fiesta Mundial). Neste 2015, preparan o seu segundo disco e a súa sexta xira por Europa, abrindo novos horizontes: Rusia, Macedonia, República Checa ou Latinoamérica.

17 de xullo de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.